A Mancomunidade Barbanza Arousa (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) retoma este ano o ciclo de concertos Paisaxes Sonoras, que neste 2023 concéntranse entre o 25 e o 27 de agosto. Igual que nas anteriores edicións, este festival realízase en cooperación coas concellerías de Cultura dos catro concellos da vertente sur do Barbanza e as localizacións serán 4 espazos naturais de gran potencial turístico do destino: catro lugares de importancia paisaxística, histórica e/ou cultural a reivindicar que ofrecerán o mellor de si mesmos como panos de fondo para outros tantos concertos.
Esta edición, segundo explicou a Mancomunidade, estará marcada por unha tripla fusión entre natureza, música e enogastronomía, con actividades como degustacións e visitas guiadas que se irán desvelando ao longo dos vindeiros días.

Estes son os concertos programados:
Venres 25 de agosto
Ses en Rianxo ás 20.00 horas (no Auditorio Municipal)
Sábado 26 de agosto
Leilía en Boiro 13.00 horas
Andrés Suárez en Ribeira 20.00 horas
Domingo 27 de agosto
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na Pobra 13.00 horas
As entradas poden adquirirse en Ataquilla.com.
Máis datos de Paisaxes Sonoras
Paisaxes Sonoras é un proxecto singular que busca mesturar as paisaxes emblemáticas e recursos culturais e turísticos do territorio Barbanza Arousa coa creación dunha proposta cultural específica. Mediante este festival a Mancomunidade busca achegar as potencialidades do territorio a visitantes e poboación comarcal mediante un formato innovador no que a natureza é o escenario principal, conxugado en todo momento con distintas creacións musicais.
Desde a primeira edición a aposta pola cultura local e comarcal foi unha “premisa a ter en conta”, contando con artistas locais e comarcais como foi o caso de Triángulo de Amor Bizarro, grupo nado no Concello de Boiro.
A finalidade principal deste Festival é en palabras da Mancomunidade “coñecer o territorio do Barbanza, achegándonos a espazos poucos recoñecidos pola poboación, descubríndoos desde unha perspectiva na que a experiencia vai máis alá de consumir un espectáculo musical”.



