A trixésimo primeira edición da Festa da Bici chega este domingo 30 de xullo á Pobra do Caramiñal, coa saída programada para as 11.00 horas da praza Alcalde Segundo Durán, que tamén será meta. A iniciativa virá cunha marcada compoñente solidaria, xa que as persoas participantes achegarán un quilogramo de alimentos non perecedoiros no momento da inscrición o propio día do evento e na dita praza, a partir das 10.15 horas. Estímase unha participación semellante á de anteriores convocatorias, nas cales se superaban as/os 200 ciclistas.
Dende o Concello explican que se trata dunha actividade “xa consolidada no calendario de actividades deportivas do municipio” e que consta de dous percorridos: no circuíto xeral completarase unha distancia de 10’53 quilómetros, durante os cales transitarase por distintos espazos do centro e do rural; mentres que o circuíto pequeno, cun itinerario de aproximadamente 1’5 quilómetros polo núcleo urbano, está dirixido a crianzas menores de 8 anos ou rapazada maior desta idade que teña dificultades para completar a ruta longa.
Durante esa xornada contarase tamén cun inchábel e cunha xincana de habilidade e destreza coa bicicleta, habilitados na dita praza para o desfrute das/dos máis pequenas/os. Procederase, así mesmo, co sorteo dunha bicicleta e outros agasallos.



