O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, deu a coñecer as delegacións por áreas que terá cada un dos nove membros do Goberno local nesta nova lexislatura. Segundo avanzou o rexedor, a proposta ratificarase no pleno de organización, que está previsto que se celebre na próxima semana.

Deste xeito o alcalde levará as áreas de Relacións Institucionais, Seguridade e Emerxencias e Promoción Económica e Industria. O primeiro tenente de alcalde será Luís Ruiz, que á súa vez ocupará o cargo de Concelleiro de Urbanismo e Facenda, xestionando as áreas de urbanismo e obras, economía e facenda e contratación.
María Outeiral ocupará a segunda tenencia de alcaldía e a Concellería de Cultura, Turismo e Persoal, xestionado os departamentos de Cultura, que inclúe festexos, patrimonio, mocidade bibliotecas, memoria histórica, turismo, persoal e réxime interior e recursos informáticos.
Marcos Fajardo levará a Concellería de Deportes e Servizos, xestionando a área municipal de Deportes e os servizos de abastecemento de auga, saneamento, limpeza viaria e recollida de lixo. Olga González xestionará a Concellería de Medio Ambiente e Mar, ocupándose dos servizos de medio ambiente e desenvolvemento susentábel, zonas verdes e xardíns, parques infantís, praias, mar e benestar animal.
Raúl Treus será o concelleiro de Política Social e Administración Xeral e estará encargado dos servizos sociais, servizos de igualdade, modernización da administración local, transparencia e a coordinación de subvencións.
Pola súa banda, Roberto Lojo xestionará a Concellería de Comercio, Formación e Emprego que engloba os servizos de comercio e hostalaría, mercados e praza de abastos, consumo, formación e emprego.
Carmen Silva levará a Concellería de Ensino, xestionado os servizos de educación e servizos educativos complementarios, innovación tecnolóxica (aula tecnolóxica CeMIT) e política lingüística.
Francisco Bermúdez será o concelleiro de Medio Rural, levando o mantemento de parroquias, alumeado público, cemiterios e equipamento municipal así como a coordinación das incidencias.
“Os concelleiros e concelleiras están xa comezando a traballar ao fronte das distintas áreas e, aínda que cada un ten as súas delegacións, todos os departamentos municipais están relacionados e traballamos de forma coordinada”, afirmou o alcalde. As distintas áreas que xestiona cada concelleiro foron designadas segundo as preferencias de cada un e tamén atendendo á súa experiencia profesional.



