O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o calendario laboral de Galicia para 2024, no que se fixan como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).
O DOG publica o calendario unha vez que o Consello da Xunta aprobou a iniciativa e o Consello Galego de Relacións Laborais emitiu o correspondente ditame.
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo en 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2024 hai un festivo
nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 8 de decembro (Inmaculada Concepción), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, día das Letras Galegas.
Os outros tres festivos de carácter nacional, son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2024 se celebrará o 28 de marzo), que na comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Na comunidade galega, sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal
e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2024 que se determinan son: Aninovo, 1 de xaneiro; Epifanía do Señor (Día de Reis), 6 de xaneiro; Xoves Santo, 28 de marzo; Venres Santo, 29 de marzo; Festa do traballo, 1 de maio; Día das Letras Galegas, 17 de maio; Día Nacional de Galicia, 25 de xullo; Asunción da Virxe, 15 de agosto; Festa Nacional de España, 12 de outubro; Todos os Santos, 1 de novembro; Día da Constitución Española, 6 de decembro; e Natividade do Señor, 25 de decembro. Ademais destes días, cada concello determina dous xornadas festivas como propias da súa localidade.
Quedan pendentes agora os dous festivos locais que marcará cada concello

A normativa estatal fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos



