O varón ao caer levou un golpe na cabeza pero en ningún momento perdeu a consciencia. De feito, segundo indicaron os Bombeiros, tras ser inmobilizado, foi camiñando polos seus medios coa axuda do persoal sanitario e dos demais profesionais de emerxencias que se atopaban no lugar ata onde o agardaba unha ambulancia.
Ao fío das 16:45 horas deste martes, un particular contactaba co 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para un home que caera nos Castros de Baroña e que se golpeara na cabeza cunha pedra. Aseguraba que o ferido estaba consciente, pero pensaba que a ambulancia non podía chegar ata o mesmo lugar onde estaba o home.
Así, con estes datos, os xestores do 112 puxeron en marcha un operativo formado pola Garda Civil, Policía Local, Bombeiros de Ribeira, GES de Noia e polos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os Bombeiros indicaron que, tras ser inmobilizado, colaboraron co persoal sanitario e cos demais profesionais de emerxencias que se desprazaran ao punto no traslado do ferido ata onde o agardaba o vehículo sanitario, que o derivou ao Hospital do Barbanza.




