Xiradiscos, a feira do vinilo e o coleccionismo do Barbanza tróuxonos estes días importantes novidades. Por unha banda, confirmouse a data concreta para a nova edición do evento: o 12 de agosto na praza de Vigo de Ribeira. nAdemais, os seus impulsores (o Smart Studio de Nell Martínez e o selo discográfico local Radix Records, co apoio do Concello e dunha manchea de firmas locais patrocinadoras) compartiron a posta en marcha da nova web de Xiradiscos (xiradiscos.com), onde podemos visualizar todos os datos e recursos que precisemos, dende o programa de actividades previsto até información sobre as canles existentes para participar.

Sen saírnos do capítulo de novidades, confirmouse tamén a presenza no evento do dúo local @s Jaloch@s, formado por Suso Bello e Sabela Olivares, que actuarán o día 12 pola mañá, no marco das actividades para a rapazada. Suso e Sabela contribuirán co espectáculo musical Ritmando, indicado para rapazas e rapaces de Infantil e de Primaria.
Entre as propostas que vai albergar o certame destaca un mercadiño de discos de vinilo, tamén a presenza do chef Nacho Rodríguez do restaurante A Barbecho de Palmeira na sesión vermú ca degustación feita ad hoc para a feira: Edición Limitada e coa música vinílica un ano máis de Toño Ferreirós (Boiro).
Pola tarde continuará co mercadiño…, xa cara á noite comezarán as actuacións ao vivo con Mentah (Indie-Rock de Ferrol), Feed the Pet (Indie-Rock Ferrol) e Playa Desmayo (Garaje-Punk Coruña) todos os grupos pertencen ao selo Ribeirense Radix Records.
Para rematar a xornada contarase co mesturador de audio Nell Martínez picando música do século pasado.




