A Área de Cultura de Noia que dirixe José Pérez confirmou esta semana que o concello contará achegará este verán rutas de sendeirismo e visitas guiadas por distintos emprazamentos da vila e da contorna, poñendo o foco nos seus importantes monumentos e máis nos seus grandes tesouros ambientais e paisaxísticos.


Desenvolveranse en distintas datas dos meses de xullo e agosto e haberá que inscribirse previamente na Oficina de Turismo (Edificio do Casino). Dende Cultura de Noia lembran que estas actividades terán aforo limitado (máximo de 30 persoas).

As saídas centradas na vila celebraranse os xoves e os venres destes meses de xullo e agosto a partir das 12, con punto de encontro no Concello de Noia. Visitaranse importantes monumentos como o claustro do Consistorio, a Alameda, as igrexas de San Francisco, Santa María A Nova e San Martiño, o Museo das Laudas Gremiais e as rúas e pazos da vila.
Polo que se refire ás actividades en plena natureza, inclúen visitas guiadas e rutas de sendeirismo. Hai dúas modalidades: a ruta de mar e montaña (sábado 22 de xullo e 12 de agosto), con dificultade media, distancia de 14 quilómetros e punto de encontro ás 9.45 no Consistorio; e a ruta da auga (os sábados 29 de xullo e 19 agosto, con dificultade media e unha distancia de 10 quilómetros, con saída ás 9.45 horas do Consistorio). Información e inscricións na Oficina de Turismo de Noia.




