Dúas persoas resultaron feridas de diversa consideración esta tarde despois de que a embarcación coa que navegaban chocase contra unha batea entre Vilanova e A Illa de Arousa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as persoas foron evacuadas nunha embarcación de Salvamento Marítimo ata o Porto de Vilanova de Arousa.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 19:10 horas a través da alerta dun dos implicados no accidente e, decontado, puxo a situación en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e do persoal de Salvamento Marítimo.
Ademais, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron unha ambulancia ata o peirao, da Policía Local, da Garda Civil, dos Bombeiros do Salnés e tamén dos efectivos de Protección Civil da localidade.




