
A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña abre hoxe o proceso de adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, unha iniciativa financiada pola Deputación da Coruña que ofrece aos municipios a oportunidade de acadar o recoñecemento de concello comprometido na loita contra a enfermidade.
Segundo explica a AECC, o recoñecemento de Concello Contra o Cancro “pon en valor aqueles concellos que traballan activamente fronte ao cancro ofrecéndolles un marco de traballo que permite ordenar, impulsar e ampliar as iniciativas que xa se están a desenvolver ou que se poidan impulsar, adaptándoas á realidade de cada territorio e mellorando o acceso aos programas da Asociación”.
O programa, que foi presentado aos concellos no mes de abril, nace como “unha estrutura de cooperación entre as asociación e os concellos da provincia co obxectivo de avanzar en contornas máis saudábeis, reforzar o apoio comunitario e mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
Os municipios que completen con éxito o proceso de avaliación obterán o recoñecemento oficial de Concello Contra o Cancro, paso previo para a súa incorporación á Rede.
Os concellos interesados poden acceder a nova landing da iniciativa, na que poderán acceder aos requisitos necesarios para formar parte da mesma e a documentación que terán que presentar.
Para acceder ao recoñecemento, os concellos deberán acreditar actuacións en tres ámbitos fundamentais: a promoción da saúde, a atención a pacientes e familias e a participación social e o voluntariado. Entre outras medidas, deberán contar con iniciativas como espazos sen fume, actividades comunitarias de promoción da saúde, canles de coordinación cos recursos da Asociación e mecanismos de apoio ás estruturas de voluntariado presentes no territorio.
O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o 2 de novembro de 2026, mentres que a resolución final do proceso está prevista o 14 de xaneiro de 2027. Os concellos que obteñan o recoñecemento recibirán o distintivo oficial nun acto institucional que terá lugar o 4 de febreiro de 2027, coincidindo co Día Mundial Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro anima a “todos os concellos da provincia a sumarse a esta iniciativa, que permitirá avanzar cara a unha provincia máis comprometida coa prevención, a saúde e o acompañamento das persoas con cancro e das súas familias”.



