Todo listo para o comezo da XIX edición do Encontro Internacional Zona de Zanfona

28 Xuño 2023

Este venres 30 de xuño comeza en Rianxo o Encontro Internacional Zona de Zanfona, un evento que cumpre as dezanove edicións ininterrompidas desde 2004 organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo, e polo cal teñen pasado os nomes máis senlleiros da escena europea na práctica instrumental da zanfona nas últimas dúas décadas. Así se fixo saber este mércores 28 na presentación do programa, onde se engadiu que se trata “dun festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito”.

A axenda, detallouse, combina programación de actividades para o público xeral e especializado que se acheguen até Arousa Norte.

Así, acudirán músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atoparán gozo e deleite “na escoita deste fabuloso instrumento”.

O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e gozar de concertos, cursos e convivio arredor da zanfona. A programación deste ano pivota en tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e a xuntanza de escolas de zanfona.

Na presentación incidiuse en que “os concertos procuran mostrar un abano de tendencias coa zanfona coma protagonista”. Deste xeito, achegarase marxe para a experimentación (o virtuoso canadense Ben Grossman e as músicas experimentais), o folk onírico (Sangre de Muérdago presentará o seu último disco O vento que lambe as miñas feridas), o tradicional recreado (o espectáculo de Cantometrics sobre as gravacións históricas de Alan Lomax na Galiza de 1952) e as novas expresións (Iván Abal e David Bellas co programa Retrotopías de composicións académicas para zanfona e gaita).

Os representantes de aCentral Folque e do Concello lembraron que nesta edición contarase de novo co Palco Aberto ZdZ, a sétima mostra das escolas de zanfona do país que xa conta case con 100 intérpretes no que amosan diferentes músicas que aprenden ao longo do ano. A seguir haberá o Xantar ZdZ, unha comida de confraternidade das persoas asistentes. Os concertos son de entrada libre.

Formación

Os cursos de interpretación serán con prazas limitadas. O de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio, empréstase un desde a organización) e de especialización co canadense Ben Grossman e o galego Vítor Soto. “Este ano ademais recunca unha actividade apaixonante neste ámbito: o curso de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal e o músico Ariel Ninas”, destacaron as entidades organizadoras, poñendo o foco na metodoloxía que se emprega neste obradoiro (a filosofía do faino coas túas mans) e nos procesos de produción que se porán en xogo (corte láser e fabricación aditiva). Con estes vimbios desenvolveuse un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso “para asegurar que cada participante leva para casa unha zanfona funcional e a aprendizaxe de tela feito”.

O ZdZ continúa tamén coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa sexta entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas achegas dos docentes de escolas de zanfona de Galiza para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis.

As persoas interesadas poden descargar dende a Rede os cinco primeiros destes cancioneiros.

Haberá unha presentación editorial do primeiro método publicado en Galiza para o instrumento.

19 ENCONTRO INTERNACIONAL. RIANXO 2023

Concerto venres 30 xuño. Praza Rafael Dieste. 21.30 h

Sangre de Muérdago

Ben Grossman

Concerto sábado 1 xullo. Praza Rafael Dieste. 21.30 h

Cantometrics

David Bellas e Iván Abal

Palco Aberto ZdZ domingo 2 xullo. Pazo do Rianxiño. 12 h

Xuntanza de escolas de zanfona

Xantar aberto ZdZ

Presentación: Manual galego de zanfona con Suso Vaamonde (17 h)

Cursos ZdZ . Auditorio de Rianxo

Iniciación. Óscar Fernández Venres 30. 16-20h (emprestamos instrumento!)

Intermedio. Vítor Soto Venres 30. 16-20h

Avanzado. Ben Grossman Sábado 1. 10-19h

Construción. Suso Gestal e Ariel Ninas Sábado 17 e domingo 18. 10-20h

+ info: www.folque.com

Outros artigos

Noia celebra un obradoiro básico e práctico de lingua galega

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Noia pon en marcha unha nova actividade dirixida a persoas adultas interesadas en iniciarse no uso oral e escrito do galego: un obradoiro básico e práctico de lingua galega. A actividade formativa será de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.