O Festival Atlántica traerá tres espectáculos a Ribeira (no lavadoiro de Penisqueira, o miradoiro da Pedra da Ra e o piñeiral da Corna)

27 Xuño 2023

O Festival Atlántica de Narración Oral volve ter presenza este verán no concello de Ribeira. Farao con tres espectáculos dirixidos a público adulto.

Charo Pita levará ao lavadoiro de Penisqueira (Aguiño) o espectáculo Relatos en branco e negro. Será o domingo 2 de xullo ás 21.00 horas. Pola súa banda Celso Sanmartín actuará no monte do Castro da Cidá (o xoves 6 de xullo ás 21.00 horas no miradoiro da Pedra da Ra, en Carreira). Farao coa función O mar sabe a monte porque o monte sabe a fonte. A maiores, Lidia Luna (narración) e Ugia Pedreira (música e voz) contarán as súas historias o venres 7 de xullo no piñeiral da Corna, en Palmeira, ás 21.00 horas. Luna e Pedreira levarán á Corna o espectáculo Contos de Baleanorte.

Sinopse de Relatos en branco e negro

Cando fotografamos en cor, retratamos as vestimentas, a paisaxe, a superficie coa súa profusión de tonalidades, pero cando facemos unha foto en branco e negro, retratamos algo atemporal, case espectral, que apunta a alma do mundo.

Retratos en branco e negro imaxina unha serie de relatos nos que os lugares e as personaxes transitan dun conto ao outro creando un universo de ficción ateigado de grises: relatos entre o real e o extraordinario, entre o vivido e o soñado nos que latexa a tradición oral.

Sobre Charo Pita

Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario O cuarto de Jane gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como A nena e o grilo no país das apertas xunto a Magín Blanco, en Estamos no verán xunto a Xoán Curiel ou en No país do vento da man de María Faltri e Jorge Juncal.

O mar sabe a monte porque o monte sabe a fonte

As voces da nosa intrahistoria volven estar vivas no espectáculo ao que nos convida Celso. A vida cotiá está chea de elementos que o conto eleva á categoría de máxicos, o punto de vista do narrador acompaña este universo diverso e recoñecíbel para o público universal.

Sobre Celso Sanmartín

Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) é un poeta e contacontos galego. É licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén promotor de FoCuCu (Foro de Cultivos Culturais). Como contaconcontos, Celso F. Sanmartín caracterízase polo seu labor como recolledor e reinventor de historias. O seu repertorio está composto por historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea que presenta nos seus espectáculos coma un verdadeiro tesouro, cheos de coidado, sentido e paixón pola oralidade, a comunicación e a lingua.

Contos da Baleanorte.

Lidia e Ugia propoñen un ferrado de oralidade, unha conversación tecida con cantos e contos entre elas e o público. Como fíos condutores, a paixón polo mar, a profundidade e a sinxeleza das emocións esenciais, a forte inspiración da natureza salvaxe de ambas, o culto ás baleas coas que comparten unha senda común mimetizándose imaxinariamente na súa dor e afouteza. Este diálogo, a lume lento, é unha volta á etimoloxía antiga da palabra entretemento como exposición das entrañas.

Contos propios e alleos de Lidia, cancións orixinais de Ugia, creacións e recoleccións para un espazo común no que ambas calzan as zapatillas de casa, visten as súas chaquetas de la e adéntranse “al mar de los latidos dichos a media voz”. Este verso de Inmaculada Mengibar irá acompañado con outros textos de Luisa Castro, Natalia Alonso, Marilar Aleixandre o Gabriel García Márquez.

Sobre Lidia Luna e Ugia Pedreira

Ugia Pedreira, A Pedreira, naceu en Foz (na Mariña de Lugo). A Pedreira é unha mestura explosiva de serenidade e paixón, unha cantora das de verdade, unha voz que invoca a xustiza; a voz negra da música galega, unha das máis importantes, plurais e versátiles do panorama musical de Galicia. Desde que en 1995 iniciou a súa carreira musical, é vangarda no seu país de orixe. A Pedreira canta sobre a vida. O seu último traballo, Segmento cantábrico, foi o primeiro que asina como A Pedreira. Porque nel está e non está a Ugia de Chouteira, de Ecléctica Ensemble, de Marful, de Nordestin@s, de Acróbata ou A comuna del Barruzo. Na actualidade está traballando na creación do seu próximo proxecto musical en solitario.

Lidia Luna naceu en Madrid e reside dende fai anos na Illa de Arousa, desde onde colabora no desenvolvemento de diferentes proxectos artísticos e culturais. Psicóloga de profesión, sempre tivo a cabeza e o corazón cheo de historias que escribe e, desde 2014, conta como narradora oral para público adulto, compartindo repertorio con artistas como Emiliano Faryna (Orillas). Cre que como persoas posuímos catro tesouros: a palabra, a imaxinación, a relación coa natureza e a relación con outras persoas. Habitar o mundo, tecer redes de afecto e cooperación, contar e contarnos. Compartir a memoria emocional e comunitaria e actualizala nos espazos de encontro arredor dos contos, da música, a creación compartida.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.