Amicos distingue a título póstumo a Jesús Alonso (JEALSA) e á Consellería de Infraestruturas, ás Illas Atlánticas, a Viaqua, a Vegalsa, a Gran Bazán, ás Cabañitas del Bosque e aos Concellos da Coruña, do Son e da Pobra

27 Xuño 2023

A asociación inclusiva da nosa comarca Amicos celebrou na mañá deste martes 27 de xuño a entrega de galardóns da primeira edición dos Premios ás Boas Prácticas e Contratación Responsábel. Fíxoo a través das empresas sociais Servinserta e Properdis e co obxectivo de recoñecer e dar visibilidade ás administracións públicas e empresas privadas que impulsan a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, favorecendo desta forma a contratación inclusiva e solidaria, a redución das desigualdades sociais e riqueza e a creación de emprego en Galicia.

Ao abeiro destes obxectivos, Amicos decidiu distinguir ás administracións públicas e empresas galegas que considera que “teñen un maior impacto na mellora das condicións de integración social e laboral das persoas máis vulnerábeis”, xa que segundo recoñeceu o director de Amicos, Xoán España, “son estas boas prácticas as que fan da nosa comunidade unha sociedade cada día máis consciente do papel que xogan as empresas e administracións públicas como garantes de igualdade e promotoras da inserción sociolaboral das persoas con discapacidade”.

Entre os galardoados da categoría de Administracións Públicas, o premio foille outorgado á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola iniciativa do servizo de xestión telefónica do sistema de transporte público de Galicia, cuxa contratación reservouse a centros especiais de emprego de iniciativa social. Para a ocasión, asistiu á recollida do premio o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, quen salientou que “o traballo que desenvolven os responsábeis do servizo é esencial para garantir unha mobilidade sustentábel, accesíbel e de calidade para todos os galegos, especialmente para aqueles que viven no rural ou que teñen necesidades especiais de desprazamento”.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo

Pola súa banda, o premio para a Administración Provincial foi para o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, dependente de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo coidado e mantemento da zona, e recibiu o galardón o director conservador do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas, quen destacou que os integrantes de Amicos “son verdadeiros motores do cambio para lograr un equilibrio entre o ser humano e o medio ambiente”. Neste senso destacou “o liderado da entidade” e “a visión inspiradora coa que comprenden os ritmos e necesidades da natureza”.

Na categoría de Administracións Locais de máis de 20.000 habitantes, foi galardoado o Concello da Coruña por “ser un exemplo como cidade inclusiva e aberta”. Recolleu o recoñecemento a segunda tenente da alcaldesa e concelleira responsábel da Área de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira, quen puxo de manifesto “o esforzo no Concello de Coruña para aplicar e garantir a xustiza social tanto no ámbito da contratación como de forma transversal nas diferentes medidas e actuacións impulsadas polo Goberno municipal ao longo dos últimos anos”. Ademais, salientou que desde o Concello da Coruña “asumen a responsabilidade de contribuír a mellorar a sociedade, fomentando a inclusión laboral das persoas con discapacidade a través das licitacións públicas e dos convenios coas entidades implicadas”.

En canto ao premio á Administración Local de menos de 20.000 habitantes, a entidade destinataria foi o Concello de Porto do Son “polo seu traballo de inclusión”, recollendo o galardón o concelleiro de Medioambiente, Promoción Económica e Emprego, Jose Manuel Dean, quen sinalou que “son moitos os proxectos que levamos a cabo con Amicos, e somos moi conscientes do traballo que fixeron no noso concello, con resultados tan bos ou mellores que nalgunhas ocasión de outras brigadas”.

Ademais, nesta categoría fíxose una mención especial ao Concello de Pobra do Caramiñal, polo “seu camiño en prol da igualdade”, recollido polo alcalde en funcións, Xosé Lois Piñeiro, quen salientou o percorrido xunto con Amicos nos últimos anos para “lograr a inserción de persoas con discapacidade a través da contratación das Ecobrigadas para dar visibilidade das capacidades diferentes”.

O premio á Gran Empresa levouno Viaqua “polo desenvolvemento de accións para a mellora da calidade de vida das persoas e a contratación de traballadores con discapacidade”. Neste caso, subiu ao escenario, a directora de DS de Viaqua, Leticia Rodríguez, que agradeceu á asociación o recoñecemento “polo seu empeño en transformar a vida e o futuro das persoas, apoderando e apoiando a creación de condicións axeitadas para que tódalas persoas poidan participar plenamente na sociedade e na comunidade”.

Tamén a empresa Vegalsa contou cunha mención especial polo “seu liderado e pola súa forma de ver o entorno”. A coordinadora de selección da compañía, Fanny López, indicou que “buscamos enriquecer ao máximo os nosos equipos de tendas, plataformas loxísticas e sede central a través da confección de equipos humanos diversos que se correspondan coa sociedade na que vivimos”.

Na categoría das PEMES, o premio foi para a Bodega Gran Bazán por “dar visibilidade ao seu labor de inclusión e abrir as portas do seu mundo ás persoas con discapacidade”. Nesta caso recolleu o galardón o director da compañía, Adolfo Picáns quen fixo un pequeno percorrido desde os comezos da súa relación con Amicos, coa entrada na adega “duns rapaces que pouco a pouco comezamos a sentir como parte da familia, o que desencadeou un incremento das tarefas encomendadas á Asociación, e na nosa vontade de seguir colaborando dentro das nosas posibilidades”.

Nesta categoría, a mención especial levouna Cabañitas del Bosque (Outes) polo “seu modelo de experiencias no cal todas as persoas teñen cabida”. A encargada de recoller o galardón foi a directora do proxecto, Renata Lema que recoñeceu o “orgullo e felicidade de recibir este premio, porque dentro dos obxectivos e da RSC de Cabañitas del Bosque está a implicación por integrar no mercado laboral a colectivos desfavorecidos”.

Finalmente, o galardón de honra á traxectoria profesional responsábel outorgóuselle a título póstumo ao fundador de JEALSA, Jesús Alonso. O premio foi recollido por Javier Alonso, fillo do fundador da compañía e actual conselleiro da corporación. A responsábel de Relacións Institucionais da compañía boirense, Margarita Hermo, recordou ós presentes as palabras de Jesús Alonso, fundador da empresa, na inauguración da Aula de Estimulación Sensorial no 2016, que leva o nome de JEALSA, facendo fincapé no compromiso desta coa súa contorna e o seu obxectivo de “formar parte dunha sociedade mellor e máis solidaria, poñendo a inserción laboral de persoas con discapacidade no centro”. Eses valores que Jesús Alonso impregnou en JEALSA, comentou Margarita Hermo, “son parte esencial do noso programa de RSC WeSea e serven de guía para seguir colaborando no desenvolvemento desa sociedade máis plural, inclusiva e na que todos temos cabida”.

No peche do acto, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade Empleo e Igualdade, Elena Rivo López, subliñou que máis de 3.800 persoas integran o capital humano de JEALSA, “fonte de creación de emprego na comunidade que segue principios e premisas que compartimos na Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”. A conselleira puxo así en valor medidas como a flexibilidade horaria, a prevención do acoso laboral e a violencia de xénero, amais de iniciativas para a inserción laboral de persoas con discapacidade ou a posta en marcha do plan de igualdade que na actualidade JEALSA ten en proceso de negociación para actualizalo. “Este premio supón un recoñecemento ao voso compromiso coa creación de oportunidades para tódalas persoas e coa consolidación dun tecido produtivo forte e competitivo”, indicou no acto de entrega do galardón póstumo á traxectoria responsábel do fundador de JEALSA, Jesús Alonso, no que tivo palabras de parabéns tamén para o resto de empresas e administracións recoñecidas nesta primeira edición dos premios.

O acto, que se celebrou na Cidade da Cultura e foi presentado pola xornalista María Meizoso, contou ademais con representantes de empresas e institucións que forman parte do día a día de Amicos, quen quixeron acompañar a entidade nun día de celebración e impulso a inserción laboral de persoas con discapacidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.