O espectáculo Cubo chegará a oito concellos galegos grazas a Falaredes (incluído o de Noia)

21 Xuño 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mércores 21 de xuño na presentación da xira de Cubo, o espectáculo teatral da compañía Elefante Elegante que este verán estará na programación do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística da dita secretaría xeral.

No acto, no que o Valentín García estivo acompañado por María Torres, encargada da dirección artística e actriz da obra, o secretario xeral celebrou que unha peza que está pensada para “animar os rapaces e rapazas a saír a explorar o mundo que os rodea e facelo en galego” vaia formar parte da axenda cultural de oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Tamén fixo saber que Cubo é “un espectáculo teatral de fantasía, humor e poesía dirixido a público infantil e familiar que evoca a amizade, as separacións, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar desde a igualdade, rompendo os arquetipos de xénero”.

A compañía fará un primeiro pase da obra o próximo 30 de xuño no Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela ás 18,00 h. Despois, continuará a xira en setembro por: Cangas (Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos) o día 1, Betanzos (en exterior aínda por establecer) o día 2, Burela (Casa da Cultura) o día 3, Lalín (Salón Teatro do Auditorio Municipal) o día 20, Ferrol (Teatro Jofre) o día 21, Noia (Teatro Coliseo Noela) o 23 e O Carballiño (Auditorio Manuel María) o día 24. As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Ampla programación

En total, o FalaRedes ten programados para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística. Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son “ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva do galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo nel”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.