Despois de seis anos en cartel e máis de 270 funcións, Elisa e Marcela, o espectáculo máis premiado da compañía A Panadaría, despídese dos escenarios cunha xira de 11 funcións en Galicia.
Unha delas será a que terá lugar este sábado, 17 de xuño, ás 21 horas, no Auditorio Arcos Moldes de Rianxo. A entrada é de balde. Os convites poderán recollerse na billeteira do propio Auditorio dende unha hora antes do comezo da función.
Ao remate da función celebrarase un coloquio no que participarán as tres actrices protagonistas da obra e no que poderá intervir o público asistente.
Segundo explican dende a agrupación, Elisa e Marcela é “un espectáculo que marcou varios fitos no recente teatro galego, non só polos galardóns conseguidos, polas xiras realizadas, dentro e fóra do noso territorio e polas extraordinarias críticas recibidas, senón tamén porque Elisa e Marcela foi a primeira montaxe teatral da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e a primeira tamén en poñer a historia destas dúas mulleres sobre as táboas”.

Sinopse
Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas.
As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento.
Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo.
A historia
O 8 de xuño de 1901 dúas mulleres, Elisa e Marcela, casan na igrexa de San Xurxo na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda e os posteriores sucesos que envolven a súa historia convérteas no primeiro matrimonio lésbico do que temos constancia en todo o Estado mais tamén nunhas das mulleres máis transgresoras da Historia de Galicia. Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas.
Un espectáculo necesario
Elisa e Marcela é a primeira montaxe teatral da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e o primeiro tamén en poñer a historia destas dúas mulleres sobre as táboas.
O espectáculo é unha iniciativa artística que pretende reivindicar a figura destas dúas mulleres e a necesidade da defensa da liberdade e diversidade sexual.
Para que deixemos de facernos empanadas e mesturas animais, para que celebremos as nosas diferenzas e os amores en igualdade sexan referente, precisamos de Elisa e Marcela.
Premios
Elisa e Marcela acadou catro premios María Casares en 2018: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Melor Actriz Protagonista. Entre outros galardóns, tamén obtivo o premio da Igualdade Luísa Villalta (2017), o premio Pluma (2021), o premio Begoña Caamaño. Cultura pola Igualdade (2020), o premio Las Horas (FCG 2019) ou o Premio do Público na Mostra de Teatro de Ribadavia e no Fetega (2018).




