A Xunta publica este 7 de xuño no DOG a resolución da convocatoria de axudas para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, trala ampliación de crédito realizada hai unhas semanas. Estipúlase finalmente que un total de 33 concellos recibirán apoios por importe de 2,5M€. Inclúese entre os beneficiarios os municipios de Boiro e Noia. No caso de Boiro contará con dúas axudas: unha de 47.796,62 € para mellorar a iluminación pública do Parque de Espiñeira e outra de 65.767,50 € para optimizar a rede viaria do Parque. Polo que respecta a Noia, disporá de 44.213,43 € para mellorar o punto limpo do Polígono de Augalevada e de 45.440,89 € para acondicionar as infraestruturas viarias.

Estas axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto (podían presentarse dúas solicitudes por concello), están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministro de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias (a actuación máis demandada). Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.
Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, “un impulso para a captación de investimentos en Galicia”.


