Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares; a directora de Sustentabilidade da conserveira boirense JEALSA, Ángeles Claro; e o profesor de Educación Ambiental e Didáctica das Ciencias, Pedro Vega, entregaron este luns 5 de xuño os Premios We Sea-UDC aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e fin de máster (TFM) en materia de sustentabilidade e economía circular, convocados pola Oficina de Medio Ambiente da UDC.

A convocatoria e resolución do I Premio We Sea‒UDC abéirase á estreita a colaboración entre a Universidade da Coruña e Conservas Rianxeira S.A.U. (JEALSA), que financia estes premios a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa We Sea.
Esta convocatoria ten por obxecto o recoñecemento daqueles Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Máster (TFM) defendidos ao longo do ano 2022 que mellor integraron as dimensións da sustentabilidade e da economía circular nos seus proxectos.
Nesta primeira convocatoria recibíronse 19 solicitudes das que foron admitidas a concurso 13, delas, oito correspondentes a traballos fin de grao e cinco a traballos fin de máster. Á convocatoria presentáronse máis mulleres (oito) que homes (cinco) e procederon de oito centros diferentes e de catro das cinco áreas de coñecemento existentes. Así mesmo, estiveron representadas sete titulacións de grao e cinco de máster.
Os seis premios outorgados recaeron en tres mulleres e tres homes, estando representados como centros a Facultade de Ciencias (dous premios), a Facultade de Informática, de Ciencias da Educación, de Dereito e a Escola Universitaria de Arquitectura técnica.
Recibiron os primeiros premios José Francisco Díaz Méndez, do Grao en Química, por un traballo sobre a calidade da separación da fracción orgánica de residuos nos centros universitarios e a viabilidade da súa compostaxe, e Laura Méndez Casal, do Máster Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, polo seu traballo de intervención educativa sobre o impacto ambiental na ría do Burgo con alumnos de sexto de educación primaria. “Ambos temas”, salientou a UDC, “son mostra da actualidade e implicación práctica dos traballos de grao e máster, nun momento en que Galicia debe facer fronte á obriga da recollida separada da fracción orgánica do lixo, ou se concreta a necesidade de proceder á rexeneración da ría do Burgo”.
Os outros traballos premiados versaron sobre a procura de alternativas para a tecnoloxía de refrixeración, o desenvolvemento dun dispositivo persoal de medida da contaminación ambiental, a eficiencia enerxética na fase de deseño dos edificios, e o impacto da nova lexislación ambiental sobre a industria téxtil e da confección.
Os dous primeiros premios recibirán a cantidade de 1.000 euros cada un, achegados polo programa WeSea de JEALSA. Os seis traballos seleccionados serán publicados nunha colección da UDC, e dúas das persoas premiadas terán opción de tres meses de prácticas remuneradas na conserveira boirense.
A listaxe pormenorizada de traballos recoñecidos pode consultarse na web da UDC.



