Rianxo converterase o vindeiro domingo na capital galega da música, o baile, o folclore e a cultura tradicional da nosa terra, coa celebración dun novo serán organizado pola Asociación Vai de Roda. O evento, que Vai de Roda recupera agora logo de catro anos de paréntese, celebrarase o vindeiro 10 de xuño, no Campo de Arriba de Rianxo, e está previsto comezar ás 18.00 horas cun seranciño para as crianzas máis pequechas e a partir das 21.00 horas o serán.
O serán, unha tradición moi arraigada na cultura galega, contará coa colaboración do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña. Este evento busca fomentar a música tradicional e promover a convivencia e o goce da veciñanza e visitantes.
Máis información no facebook da asociación.

Vai de Roda, para quen non o saiba, é unha asociación local creada en decembro de 2004 como entidade sen ánimo de lucro para promover e divulgar a música e baile tradicional galego, así como todas aquelas formas de expresión que estes leven asociados (tecidos, vestimentas, costumes…).
Vai de Roda ten acadado ao longo da súa andaina importantes recoñecementos en diferentes certames de música e baile tradicional e tense consolidado como dinamizadora da vida cultural da vila de Rianxo.
A asociación conta con varios grupos de baile, pandeireteiras, e de de gaitas e unha charanga
tradicional constituída por gaitas, percusión, clarinete, saxo e frauta.



