A Corporación de Rianxo vén de dar o empuxón definitivo á rehabilitación do Pazo de Martelo, a actual sede da Biblioteca Municipal, que está no punto de mira de Concello, dos grupos políticos locais e da cidadanía polo estado de deterioro no que se atopa, malia ser edificio BIC (Ben de Interese Cultural).

No pasado pleno os tres puntos vencellados a este proxecto foron aprobados por nove votos a favor. Isto deixa vía libre para materializar o investimento acadado de case dous millóns de euros. O alcalde Adolfo Muíños xustificou as présas para aprobar a iniciativa en sesión plenaria (a deste xoves 25 de maio) en que o Goberno concedeu unha axuda de algo máis dun millón de euros para realizar a rehabilitación do edificio “coa condición de que as obras deben de estar acabadas antes de finais de setembro do ano próximo”. O resto do investimento cubrirase cun préstamo a 20 anos, lembrou, poñendo o foco en que a partir deste intre comezará o proceso administrativo de tramitacións e de licitación, “por procedemento aberto e simplificado”.
Aprobación de Patrimonio
O proxecto, que como dixemos terá un custe de dous millóns de euros (dos cales practicamente a metade virán da man do Goberno, con fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, o PIREP), recibiu recentemente a aprobación definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio (Xunta). As obras porán o foco en solucionar importantes problemas de illamento, conservación e accesibilidade.
Segundo informou recentemente o Concello, o inmóbel está moi afectado polas humidades, derivadas en parte das eivas da cuberta e do deterioro da fachada.
Como dixemos, o Pazo do Martelo é hoxe en día sede da Biblioteca Municipal de Rianxo. Foi propiedade na súa feitura orixinal, na Idade Media, do almirante galego Paio Gómez de Soutomaior, coñecido como Paio Gómez Chariño (1225-1295). O inmóbel foi mercado polo Concello en 1973 e rehabilitado en 1983 polos arquitectos Rafael Baltar Tojo, José Bartolomé Argüelles e Carlos Almuiña Díaz, co obxectivo de convertelo en seda da Biblioteca Municipal.
Na actualidade a histórica construción presenta importantes filtracións de auga que provocaron relevantes deterioros no interior e máis no exterior. Ademais, as fachadas precisan un fondo traballo de restauración, xa que teñen problemas de desgaste provocados polo paso do tempo, pola humidade, polas inclemencias climáticas e pola substitución dos materiais tradicionais que complementaban e daban estrutura ás pedras. Outro punto crítico é a cuberta, que deixa pasar a auga da chuvia. O Concello tamén quere poñer o foco na accesibilidade, convertendo o edificio nun inmóbel libre de barreiras.
O Goberno local encargou o proxecto de rehabilitación á arquitecta Sandra González Álvarez, que estivo apoiada no seu traballo por Esmeralda Vázquez Prieto e máis polo arquitecto que dirixe la Oficina de Rehabilitación de Rianxo, Carlos Henrique Fernández Coto.



