O Concello de Boiro vén de sacar a licitación o proxecto de recuperación da capela do Pazo de Goiáns, que se sumaría ao proceso integral de rehabilitación da construción principal e da contorna ambiental do pazo, cuxo resultado foi presentado hai agora un ano nun gran acto institucional. O importe do proxecto da posta a punto da capela ascende a 110.133,81 e está co-financiado pola Deputación da Coruña, a través dun convenio de financiamento conxunto co Concello que de dirixe “a frear o deterioro da construción”.

Os traballos contemplan a consolidación, sen alterar a estética, dos restos que se conservan integramente; rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías; e a instalación de nova iluminación.
O Concello de Boiro lembra que o Pazo de Goiáns é unha antiga fortaleza medieval, situada “nun entorno inigualábel ao pé do esteiro do río Coroño”. Como dixemos, o inmóbel principal e a torre foron rehabilitadas no ano 2022 e tamén o acondicionamento da finca. Agora quedan pendentes as edificacións anexas, como é a capela, e que na actualidade están en estado de deterioro coa cuberta caída, humidades e un mal estado xeral.
Para frear o deterioro das edificacións o Concello de Boiro encargou proxectos de rehabilitación para dar solución ao estado de ruína das edificacións. O proxecto da rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns atópase en fase de licitación pública e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas mediante a Plataforma de Contratación do Sector Público ata o vindeiro 14 de xuño.



