O Gran Premio Tríatlon regresa á Pobra do Caramiñal coa súa cuarta edición despois da paréntese do coronavirus. Será no 14 de maio, coa saída programada para as 10.30 horas, e faino como unha das citas clasificatorias para o campionato galego. Aproximadamente 260 triatletas deberán completar a distancia sprint: 750 metros de natación, 21 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.
Na presentación participaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; o presidente do club Artrogal Tri 498, José Riveiro; un dos deportistas desta entidade deportiva, Tomás Dieste; o delegado de Fegatri na área de Santiago, Juan Carlos Ageitos; e o campión do mundo de áquatlon, Cristian Fernández.
A xornada deportiva iniciarase coa proba de natación na praia dos Areos, cunha volta ao circuíto. No que respecta ao ciclismo, faranse tres voltas a un percorrido de 6’9 quilómetros, para así completar a totalidade do itinerario. Transcorrerá pola DP-6703 (travesía dos Areos), realizará a subida a Cabío pola Canteira do Cura, a baixada ata a praia da Lombiña, o regreso á vía provincial pola Carballeira da Silva, a estrada do Castro, pola aldea da Ponte, pola rúa Venecia, a rúa Gasset, a rúa da Paz e logo o retorno ao paseo dos Areos. E, en canto á carreira a pé, faranse dúas voltas a unha ruta de 2’5 quilómetros polo paseo dos Areos e o porto.

Unha vez finalizada a proba, preto das 13.00 horas, efectuarase a entrega das distincións, que consistirán en premios en metálico (un total de 2400 euros), medallas e trofeos entre os tres primeiros postos na categoría individual absoluta e os tres primeiros clubs.
O Concello fixo saber que “para garantir o correcto funcionamento deste evento, despregarase un amplo dispositivo no cal se inclúe máis dun cento de persoas voluntarias”.




