“Venceremos”. Olegario Sampedro

06 Maio 2023

En homenaxe á Asociación Española Contra o Cancro de Ribeira

Voluntariar. Do latín voluntas, voluntatis. Verbo intransitivo. Realizar unha actividade de forma conxunta en favor dunha tarefa común, de forma desinteresada e sen recibir remuneración económica.
Soe afirmarse que a lingua é un fiel reflexo da sociedade: as palabras aparecen e persisten nos dicionarios polo uso e costume dos falantes. Non obstante, nos nosos léxicos non consta aínda este vocábulo.
Queda fóra de toda vacilación que, nas sociedades democráticas, deben ser as institucións públicas as que, incontestablemente, velen polo progreso comunitario e igualitario. Secasí, resulta tamén innegable que este benestar colectivo resultaría imposible sen unha das ferramentas máis valiosas para acadalo: o tecido social asociativo.
O colaboracionismo sen ánimo de lucro é un piar indispensable para o crecemento das colectividades, e o instrumento máis valioso para garantilo.
Con todo, talvez deberiamos reflexionar sobre se o asociacionismo é un imperativo cidadán ou, fundamentalmente, só nos agrupamos cando nos convertemos en afectados.
Por que agardar a que o termo voluntariar apareza nos nosos dicionarios se abondan os sinónimos? Non deberiamos esperar a sufrir para socorrer, a carecer para dar, a necesitar para colaborar, a perder para protexer, a padecer para conceder…
Así e todo, na Barbanza somos privilexiados: contamos cunha estrutura altruísta admirable e abondosa. Destaca, entre outros, o imprescindible e infatigable labor de Cáritas Parroquial ou da Cruz Vermella para auxiliar incondicionalmente, urbi et orbi, a quen o precise. A Igrexa Cristiá Evanxélica ofrece, 365 noites ao ano, calor e Ceas Solidarias a propietarios de baleiras despensas, e son xa décadas de insistencia as que a Asociación Antidroga Renacer leva intentando afastar a mocidade comarcal de tentacións lisérxicas.
Coñecida é a constancia de STOP Deshaucios para arraigar os desarraigados, e entenrece o empeño dunha manchea de mestras xubiladas en regalar tempo e luz descifrando novos alfabetos a forzados apátridas para quen o sol virou en escuridade.
Mais xusto é hoxe, sábado día 6 de Maio, cando non nos queda outra que rendernos ante a perseverante, vigorosa e modélica loita da Asociación Española contra o Cancro de Ribeira. Este serán, o incansable tropel de loitadoras desta agrupación visibiliza nunha multitudinaria cea solidaria a implacable batalla contra esta indiscriminada enfermidade, cunha enerxía que impresiona, conmove e enmudece. Elas non albergan nin a máis pálida sombra de dúbida de que, si ou si, non cabe outra opción que a vitoria.
Voluntariemos con elas e con todos non só para que este verbo apareza nos dicionarios, conxuguémolo activamente coa convicción de darlle contido e significado ao noso ser colectivo, que é o que, verdadeiramente, nos permite desenvolvernos como seres humanos. Voluntariemos polo tanto con elas, por nós, por el, por min e por ti.
Na antigüidade clásica adoitábase bicar as palmas das mans dos guerreiros que partían para a guerra en sinal de sorte, respecto e agradecemento. Hoxe non podemos máis que facer o mesmo coas combativas mulleres da Asociación Española Contra o Cancro local, xa que nos regalan a firme constatación de que nesta guerra VENCEREMOS.
Olegario Sampedro

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.