Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a asociación ADEAC recoñece cada no a calidade de areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Na nosa comarca recibe a dita distinción, novamente, a praia de Coroso (Ribeira). Tamén o Club Náutico de Cabo de Cruz (Boiro) e o Real Club Náutico de Portosín (portos con bandeira azul).

Unha de cada cinco bandeiras, para Galicia
En base á decisión de ADEAC, Galicia concentraría case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o ámbito estala, consolidando a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (que ten 135) e Andalucía (127).
Dos 113 areais galegos galardoados nesta edición (que se estenden ao longo de 53,2 km de costa e supoñen 1 máis que en 2022), cómpre subliñar que 2 lucirán a bandeira azul por primeira vez: Caranza, no municipio de Ferrol, e O Adro, en Vigo. Ademais, a praia de Rodeira, en Cangas, recupera a insignia que non recibira o ano pasado.
A maiores das praias recoñecidas en 2023, en 12 portos deportivos galegos tamén ondeará este verán unha bandeira azul. Será 1 máis que na pasada edición, grazas á incorporación de Pedras Negras, no municipio do Grove.
Centros azuis
Ademais, ADEAC volveu recoñecer un ano máis o labor dos chamados centros azuis. En concreto, 86 aulas da natureza, centros de visitantes e instalacións dedicadas á educación ambiental de toda a xeografía estatal terán esta consideración e deles 14 están en Galicia. Neste caso, á listaxe galega de centros azuis súmase por primeira vez a Casa Museo de Colón, en Poio.
Criterios
Os criterios esixidos por ADEAC para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas (que ten que ser excelente); a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 58 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 37 areais e 5 portos e, no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 18 praias e 1 porto deportivo.
Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou o ano pasado. O concello pontevedrés suma tamén outras 3 distincións para os seus portos deportivos e terá de novo 1 centro azul.
Na provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra este ano un maior número de bandeiras, cun total de 8 praias seleccionadas; seguido da Coruña (5 areais e 1 porto), Oleiros (con 5 areais distinguidos ademais de contar con 2 centros azuis) e Ferrol (con 5 praias recoñecidas tamén ao sumar a de Caranza).
Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; seguido de Burela, con 3 praias e 2 centros azuis; Barreiros, con 3 areais; e Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira azul e o único porto distinguido nesta provincia.
A Comunidade con máis sendeiros azuis
En relación aos chamados sendeiros azuis, por segundo ano consecutivo ADEAC convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul. De feito, o acto de entrega de premios aos 104 roteiros galardoados en 2023 en todo o país celebrouse o pasado 24 de febreiro en Santiago de Compostela, un recoñecemento a Galicia, que sigue sendo a comunidade española con máis sendeiros azuis (35 este ano, 6 máis que na edición anterior). Na dita entrega de galardóns, o Concello de Ribeira recibiu unha distinción polo sendeiro que discorre entre Coroso e Río Azor.



