María José García Santos, Vyana DL, e a súa filla María José Fernández, Pitusa MJ, ambas artistas, asinaron este 28 de abril a acta de cesión de dúas creacións aos fondos do Concello. Este acto encadrouse na penúltima xornada da exposición Roturas que exhibe o Centro Cultural Lustres Rivas, e que está integrada unha vintena de obras pictóricas de Vyana DL, así como catro esculturas de Pitusa.
As obras obxecto da cesión son un óleo, Roturas, e unha escultura, Ledo. A primeira está inspirada na chuvia, o mar, o vento e o sol de Corrubedo; mentres que a segunda xurdiu no curso de escultura no Mestre Mateo.

O alcalde Manuel Ruiz agradeceu este xesto, pois “contribúe a seguir engrandecendo o patrimonio que ten o Concello en obras de artes, logo de recibir aínda o venres pasado unha serie de estampas de Manuel Colmeiro que se expoñen no Lustres Rivas”. Ademais, tivo palabras de eloxio para a brillante exposición, que terminará a súa exhibición na instalación municipal mañá sábado, en apertura de 11 a 14 horas.
Tamén estivo a concelleira de Cultura, María Sampedro.



