A organización xuvenil do BNG visitou este 26 de abril a sede da Confraría de Pescadores de Noia para formalizar a súa adhesión á Plataforma de Afectados pola Mina de San Finx e manifestar o seu apoio á mobilización que terá lugar este sábado 29 de abril, ás doce, en San Caetano.

A visita foi conducida polo patrón maior da confraría, Santiago Cruz, a bióloga da mesma, Liliana Solís e o portavoz da plataforma José Romarís, e a ela acudiron Marta Gómez, secretaria xeral da organización xuvenil e Maruxa Martínez, a responsábel da mesma na comarca de Muros e Noia, acompañadas por outros militantes de Galiza Nova na localidade. Nela abordaron as iniciativas levadas a cabo pola confraría e outras entidades e asociacións a nivel de denuncia xurídica e mobilización social, así como coñeceron de primeira man as problemáticas tanto ambientais como económicas que, na súa opinión, suporía o inicio do proceso de verteduras de augas contaminadas que vén de recibir a autorización de Augas de Galicia en febreiro deste ano, así como a posterior reapertura da actividade mineira.
“Dende Galiza Nova pulamos por defender os intereses das maiorías sociais, nomeadamente os da mocidade galega, e por iso queríamos coñecer de primeira man esta problemática, para poder concienciar á mocidade non só desta comarca, senón de todo o país, de que debe mobilizarse contra a mina” sinalou Marta Gómez, engadindo que “xa son 4000 familias as que viven directamente da ría e aproximadamente 40000 as que o fan de maneira indirecta, é unha realidade que é unha fonte de emprego para todas as veciñas e veciños e que debemos loitar por preservala para que tamén o sexa para as xeracións que veñen, que a mocidade de aquí non teña que buscar a vida fora porque a Xunta de Galiza decidiu primar os intereses dunha empresa”.
“Estaremos na manifestación este sábado 29 para defender os intereses das nosas veciñas e veciños e, sobre todo, da xente moza, para que non vexan como se bota a perder o seu futuro e a súa ría” indicou Maruxa Martínez, responsábel comarcal da organización. “Queremos animar a toda a mocidade, non so desta comarca senón de todo o país a apoiar esta loita o vindeiro sábado en San Caetano e tamén nas demais accións que leve a cabo a plataforma” instou.



