O Coliseo Noela acollerá a estrea de O Camiño esquecido, un documental sobre a historia do Camiño a Santiago pola ría de Muros Noia

25 Abril 2023

A Asociación Camiño de Santiago pola ría de Muros Noia organiza a estrea oficial de O Camiño esquecido, un documental que recolle as evidencias documentais e patrimoniais sobre a historia e o trazado deste camiño de peregrinación a Santiago de Compostela. Unha iniciativa na que colaboran a Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22 e o Xeodestino Ría de Muros Noia.

A estrea celebrarase o vindeiro mércores 3 de maio, ás 20:00 horas, no Coliseo Noela (Noia). A asistencia será de balde, se ben o número de prazas é limitado e será imprescindible reservar un convite persoal a través do correo comunicacion@riademurosnoia.com ou chamando ao teléfono 664 408 290.

O documental, dirixido e editado por Rafael Luís Méndez Peña sobre un guión de Ana Ponte, recolle como se foi recompilando a diversa documentación necesaria para xustificar a historicidade e delimitación do trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Un traballo realizado polo arquitecto Marcial Rodríguez e os historiadores e arqueólogos Sofía Barqueiro e Mario César Vila, protagonistas da cinta e que estarán presentes no Coliseo Noela para contar en primeira persoa as súas impresións sobre este traballo.

O dito labor, explican os responsábeis do documental, permitiu recompilar diversa documentación histórica: cartas fundacionais, diplomas, misivas, estudos previos ou planos antigos, así como un conxunto de elementos que permitiron delimitar os camiños empregados polos peregrinos dende a ría de Muros Noia a Compostela ao longo da historia. Esta realidade, indican, pode contemplarse na arquitectura, nos topónimos e mesmo no propio urbanismo dos municipios que compoñen o Camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

Entre esta documentación recollida no documental figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne que acreditan a consolidación dunha ruta de peregrinación a Compostela. Tres séculos despois, nárrase a viaxe do comerciante veneciano Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros a través dunha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral.

Dende a Asociación Camiño de Santiago pola ría de Muros Noia confirman que O Camiño esquecido, que porá de manifesto que toda a ría era “un gran porto que ofrecía proximidade e seguridade ao peregrino na Idade Media”, é “tan só a primeira parte do proxecto”. Así, engaden que en datas vindeiras haberá unha segunda parte que incluirá os novos documentos que apareceron nos últimos tempos en diversas cidades europeas e que reforzan aínda máis a importancia desta ruta xacobea. Unha realidade que xa anunciara Marcial Rodríguez cando se presentou o libro Historicidade e delimitación do trazado: o camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola ría de Muros Noia ao asegurar que “hai que seguir investigando porque continúan aparecendo datos e estamos convencidos de que aparecerá moita máis documentación”.

Outros artigos

Pepita Vidal Pérez: a costureira que descubriu a poesía aos 62 anos

Luís Pérez Crujeiras (texto). Ribeira, 22 de xaneiro de 1948. A vida de Pepita Vidal Pérez é unha historia de esforzo, oficio e talento inesperado. Nacida nunha familia humilde, traballou desde nena na tenda familiar mentres a súa nai estaba na praza do mercado,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La protesta de los estudiantes franceses”. José Castro López

“La protesta de los estudiantes franceses”. José Castro López

Francia convive cada cierto tiempo con pequeñas revoluciones o estallidos sociales que,aunque comparten escenarios, responden a causas diferentes. Recuerden la revoluciónde Mayo 68 de la que Daniel Cohn-Bendit, uno de sus líderes, dice que entonces losjóvenes eran...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.