
O conflito da mexilla entre bateeiros e percebeiros foi “provocado”, segundo o portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, polo peche de zonas para a extracción de mexilla. Así o dixo após o anuncio do PP de que votaría en contra da proposta socialista que colnvidaba a “volver á casiña de saída” e recuperar a convivencia que os dous colectivos tiveron durante 60 anos de traballo en común.
Porque, aínda que agora non o pareza, bateeiros e percebeiros conviviron en absoluta harmonía. A ruptura de relacións non ten unha explicación lóxica. Ou, dito doutro xeito, semella que non existe unha xustificación convincente para que tal ruptura se producira. Polo menos, a xuizo de quen isto escribe.
Julio Torrado centrou as súas críticas na Consellería do Mar que, dixo, “alimentou o conflito” para posteriormente “ir ao garete” mentres o presidente da Xunta “demostrou que no ten personalidade, nin capacidade, nin mando” para resolver unha situación na que se evidenciou como “escapista de profesión”.
Torrado responsabilizou ao goberno de Galicia do “caos” que “provoca tensións” entre bateeiros, percebeiros, confrarías, a Consellería e a propia policía” mentres “ninguén acepta xa á Consellería como interlocutor”.
O deputado socialista presentou unha proposición non de lei para retomar o diálogo que o goberno galego crebou deliberadamente co Decreto 153/19 co que pecharon “unilateralmente e en base a informes de hai 20 anos” as zonas de extracción de mexilla que os bateeiros compartían coas zonas de traballo dos percebeiros”. Reclamou que tomen decisións baseadas en informes actualizados e obxectivos elaborados por persoal investigador e técnico da propia Consellería.
De ser así, os socialistas terían razón á crítica, porque habería motivos para entender que a Consellería optou claramente por provocar o conflito no canto de o solucionar en base ao consenso e o diálogo.
Torrado afirma que o PP e a Xunta levaron ás partes ao descontrol, inseguridade, tensión e a unha situación límite” que, obviamente conduciu a perdas na produción para ambos os sectores e, como consecuencia lóxica, para Galicia.
E por que se chegou a esta situación, pregunto?. E o parlamentario socialista galego resposta: por non parar, non recoñecer os erros, non volver atrás e facelo ben”.
Así de sinxelo. E pon remedios: se é necesario, revisar aínda que sexa toda a costa, vendo as as zonas unha por unha se fai falta, para tomar decisións correctas.
Hai deriva no goberno da Xunta?. Torrado di que sí : primeiro, pechando zonas de extracción; despois, anunciando unha apertura que non decidiron ata que abriron as praias, despois os portos e, a continuación, anunciar máis aperturas e dar marcha atrás polas queixas recibidas.
Así de claro, así de absurdo. Saberá a Xunta que é o que está vixente neste momento, saberano os bateeiros e os percebeiros?. E, de non sabelo nin uns nin outros, que é o que discuten, en que están conformes ou disconformes, por que pelexan, por que os bateeiros teñen que ser mazados a paus cando en realidade ninguén sabe o motivo polo que uns din unha cousa e os de enfronte outra distinta cando quen ten que decidir suponse que nada decidiu ?.
Quen me compra un lío?.
Habera que agardar a outra carga policial para que se saiba que é o que se pode ou non se pode facer e sabelo por dereito?.
País!!.



