O alumnado de 4ºESO do IES Poeta Añón de Outes solicita para o seu concello unha vía pública
co nome do escritor portugués Fernando Pessoa, unha das figuras máis destacadas da literatura
occidental.
Esta iniciativa, que naceu no mes de decembro, encádrase no proxecto educativo “De Outes a
Lisboa com Fernando Pessoa” promovido polos departamentos de Lingua Galega e Historia,
dirixidos polas profesoras Maruxa Caamaño e Susana Álvarez co propósito de investigar a
historia local.
Aínda que Fernando Pessoa non nacese no noso territorio, a súa relación con Galiza está
documentada. Sábese que o vínculo de Pessoa cos galegos non é só literario ou lingüístico,
senón tamén xenealóxico: un tataravó del, Caetano Dionisio de Lens, era natural de Outes,
conforme á investigación realizada por Carlos Quiroga no seu libro “Raízes de Pessoa na Galiza”,
publicada en Através Editora.
A ascendencia de Pessoa serviu de pretexto para o alumnado indagar sobre a emigración galega
a Portugal, nomeadamente cara á rexión do Douro e Lisboa, un fenómeno migratorio pouco
coñecido mais moi fluído a partir do S. XVIII. Por tanto, a petición do alumnado tamén serviría de
homenaxe perenne para todas aquelas persoas galegas e outenses que tiveron que partir a
Portugal, ben por motivos políticos ou económicos, como foi o caso do poeta Francisco Añón ou
como o propio ascendente de Pessoa.
O proxecto, que non só incluíu un obradoiro de lingua portuguesa (Ops!), senón tamén unha visita
a Lisboa, foi inspirado no espírito da Lei Paz Andrade; lei que pretende fomentar os vínculos coa
Lusofonía mediante o impulso da lingua galega nun contexto internacional, tal e como se recolle
tamén no currículo educativo da ESO.
Finalmente, esta intervención educativa alíñase coa chamada aprendizaxe por servizo, que
persegue que o traballo académico das aulas incida na comunidade local grazas ao compromiso
dos estudantes en asuntos que promovan o ben común.




