O Concello de Porto do Son vai organizar este mes de abril unha actividade de divulgación, formación e sensibilización para pór freo, dende os fogares, a unha das grandes lacras sociais e educativas do noso tempo, agravada polo uso indiscriminado das redes e as novas tecnoloxías e a súa sobrepresenza na mocidade: o acoso escolar. A charla informativa estará orientada ás familias e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Estratexias para a prevención do acoso escolar dende o ámbito familiar. Será impartida por Alba Pérez Fernández. Celebrarase o vindeiro 19 de abril, mércores, en horario de 16.30 a 18.30 horas, na Casa da Cultura de Porto do Son. Segundo confirmou o Concello, a entrada é de balde.




