“Os parques eólicos nas costas galegas non benefician máis que ás empresas instaladoras e condenan ao sector pesqueiro” – Antón Luaces

12 Abril 2023

Cada vez son máis as voces de cidadáns que se erguen en Galicia en contra dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), placenta que envolve o feto parido polo Consello de Ministros do Goberno español para xustificar un embarazo consentido ao que deu pulo a eólica mariña para beneficio propio e sen que os partidos da oposición -agás honrosas excepcións- fixeran tal cousa: opoñerse.

Hai coma unha especie de  tácito acordo PSOE-PP-VOX-Ciudadanos polo que calquera significativa manifestación contraria á instalación na costa galega de case unha vintena de polígonos de aeroxeradores é condenada de inmediato. É un anatema para aqueles que non  queren ver a viga  no ollo alleo, mais tampouco no propio. De aquí que non xurdan máis que esporádicas formulacións negativas a tal iniciativa que, de se producir,  de inmediato se acalan polo poder dos votos, unha forza legal  contra a que as formacións minoritarias non queren -ou non poden- contrastar sabedoras da súa escasa capacidade representativa e sen caer na conta do que para elas pode significar cantar as  verdades que non serían nunca as do barqueiro.

Chama a atención que partidos ben representativos de, por exemplo, Euskadi, calen diante do que se lles ven -tamén a eles, aínda que menos que a Galicia e Asturias- enriba, porque o Cantábrico será a mesa á que senten a comer millóns de euros as empresas máis interesadas en “plantar” xigantescos muíños de vento creadores de megawatts e máis megawatts de enerxía eléctrica que xustificará a descarbonización industrial que reclama para xa a Unión Europea e que, por máis que se diga, non xustifican ese arredor de 200 metros de altura de cada aeroxerador instalado xusto sobre os mellores caladoiros de pesca. Nin PNV nin Bildu alzaron a voz no Parlamento Nacional para pedir explicación ao respecto.

En Galicia, con tres formacións políticas representadas no Parlamento autonómico, só o BNG reclamou o apoio da Cámara para demandar do Goberno do Estado a retirada dos POEM recentemente aprobados. Os nacionalistas galegos coidan que implantar a eólica mariña nas costas desta Comunidade Autónoma, traerá consecuencias negativas, especialmente para o sector pesqueiro, peza mestra da engranaxe social e económica desta terra.

Haberá que ver que votan PP (no goberno galego e maioritario absoluto no Parlamento autonómico) e PS de G-PSOE, terceira forza (absolutamente minoritaria) sen capacidade real de facer algo, no caso de que quixera ir contra deses Plans de Ordenación do Espazo Marítimo que tan directamente afectan a milleiros de familias que viven da pesca. Non  hai interese en ir contra ou demostrar que a eólica mariña non é, en si mesma, mala; senón que son as localizacións deses polígonos de aeroxeradores os que resultan malignos para a pesca e, polo tanto, para o seu sector, as familias dos pescadores, a industria e os pobos pesqueiros, que nunca serán o que son se os POEM se “cargan” os caladoiros.

As de Galicia non son as costas do oeste francés; non son as costas de Países Baixos, de Alemaña. Dinamarca ou Noruega (só por poñer exemplos), e os habitantes da beiramar deses países non viven, como viven os galegos, tan dependentes do peixe e o marisco.

Daquela, a que se xoga, a que xogamos?

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.