Desde este martes folga de médicos en Galicia. Servizos mínimos

10 Abril 2023

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) convocou unha folga indefinida que comeza mañá martes e afectará a todos os facultativos do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os profesionais sanitarios esixen melloras nas súas condicións laborais para reverter unha situación agravada pola pandemia, de desgaste, e que repercute sobre o paciente cunha peor atención sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe luns os servizos mínimos establecidos durante a folga indefinida de médicos pola Consellería de Sanidade. “A Administración tende a facer dos servizos mínimos, máximos”, indica Fernández, que concreta que atenderán aqueles casos que non sexan diferibles pola súa ética profesional: “Saben que á xente non a imos a deixar de atender”.

O documento establece que se manteña o persoal mínimo necesario para cubrir o 100% da atención “urxente e permanente” e das emerxencias do 061. Tamén se cubrirá ao 100% a actividade urxente hospitalaria no caso das salas de partos, servizos de urxencias e gardas médicas ou intervencións cirúrxicas que non poden aprazarse.

O DOG indica, ademais, que se manterá o 100% da actividade nas áreas de reanimación, diálise e tratamentos oncolóxicos (radioterapia e hospital de día) e nas unidades de coidados intensivos. A actividade cirúrxica que sexa imprescindible para evitar que se poña en risco a vida do paciente ou se agrave o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásticos, tamén se manterá.

A Xunta estableceu, ademais, o número necesario de facultativos nas áreas de hospitalización. Así, naquelas con catro ou menos profesionais deberá manterse un; nas que teñan de cinco a oito, deberá haber dous; nas unidades de nove a 12 facultativos, haberá tres; e nas que teñan 13 ou máis, manteranse catro.

No ámbito de consulta ou interconsulta de pacientes hospitalarios, atenderanse as urxentes ou preferentes, segundo o criterio do persoal. Os servizos mínimos establecen que tamén se deben atender as consultas inaprazables dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e dos desprazados.

A realización de probas complementarias urxentes ou a pacientes hospitalizados que os facultativos consideren necesarias tamén está garantida. O DOG indica que tamén se garantirá a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios, así como a atención a pacientes de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

Respecto ao persoal do ámbito da Atención Primaria, o documento establece o 100% da cobertura da actividade urxente, sendo imprescindible no caso das urxencias extrahospitalarias ou PAC. Os centros médicos con catro ou menos doutores de familia contarán cun efectivo; aqueles que teñan de cinco a oito, dispoñerán de dous; os que habitualmente están atendidos por entre 9 e 12, con tres; e os que teñan máis de 13, por catro. A atención pediátrica urxente garantirase cun pediatra por centro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.