
Salvamento Marítimo (SASEMAR) enviará esta fin de semana a Santander a un dos seus buques polivalentes -o “Don Inda”- para participar nas tarefas de localización do pecio do pesqueiro local “Vilaboa Uno” afundido na mencida do pasado luns. A bordo do buque de SASEMAR irá un vehiculo operado remotamemte (ROV) controlado por un operador humano situado no “Don Inda”, que pode ser operado por sinais (ondas) radio ou por un cable umbilical ou liña que conecta ao vehículo mariño co seu operador (piloto técnico).
A intervención do ROV submerxible “Comanche” foi solicitada polo Xulgado de Instrución de Cantabria á Sociedade de Salvamento Marítimo (SASEMAR) coa intención de localizar o pecio e, especialmente, o corpo do maquinista de pesqueiro, o peruano Walter Ferreyros, desaparecido no afundimento do barco de pesca a unhas seis millas do cabo Maior e que se atopará a unha profundidade máxima de 130 metros, que é o fondo que ten a costa cántabra na zona do naufraxio.
O “Don Inda” cargará nas próximas horas no porto de Ferrol o ROV Comanche, que ten a súa estadía cotiá na base estratéxica que SASEMAR ten en Fene. Deste xeito reforzará o labor xa realizado por outro robot empregado ata o de agora sen resultados positivos malia ser varias as inmersións levadas a cabo durante a xornada deste xoves polo submerxible.
O ROV Comanche dispón de catro cámaras, sónar de busca, sónar-altímetro, profundímetro e baliza de escintilación (destellos) que permite a localización do vehículo desde a superficie. O “Comanche” pode descender ata 2.000 metros, capacidade máis que sobrada nas augas do Cantábrico nas que se atopa o “Vilaboa Uno” e que tamén permitiría a súa utilización en augas de Terranova na percura do arrastreiro de Marín “Villa de Pitanxo” que, con 24 tripulantes a bordo (dos que só sobreviviron tres), afundiu van case 14 meses, e que vai ser buscado nas próximas semanas por un ROV coa esperanza de ser achado e que no seu interior podan permanecer os 12 mariñeiros desaparecidos.



