O Concello de Dodro, a través da Área de Servizos Sociais e Benestar, emitiu un aviso á cidadanía sobre posíbeis fraudes no termo municipal. Na alerta recórdase á poboación que se están dando casos de suplantacións en determinados servizos que polas súas características precisan dun contacto coa cidadanía, ben sexa presencial ou online (por exemplo falsos técnicos do gas ou da luz, ou, tamén, falsas entregas de paquetes e de servizos para as que adoitan requirirse datos persoais e bancarios).
No aviso o Concello lembra ás veciñas e veciños a conveniencia de levar a cabo unha serie de medidas de seguridade, como asegurarse de o persoal que nos visita é certamente persoal técnico das compañías que temos contratadas ou non facilitar números de conta, de DNI ou calquera outro dato “se non estamos seguros da operación”.




