A Plataforma Comarcal contra os vertidos da Mina de San Finx acordou manifestarse en Santiago de Compostela o vindeiro sábado 29 de abril ás 12:00 horas para continuar a amosar a súa firme oposición á autorización de vertidos de augas residuais procedentes da mina.
Despois da multitudinaria concentración levada a cabo fronte ao Concello de Noia o pasado 4 de marzo, e de novo baixo o lema “Non á mina, si á ría”, a Plataforma convoca á mobilización para reclamar á Xunta de Galicia que de marcha atrás na autorización do vertido á rede fluvial da ría de centos de miles de metros cúbicos de achiques de mina, cargados con metais pesados como o cadmio, cobre e zinc, procedentes da antiga mina de volframio e estaño de San Finx, en Lousame.
Esta decisión suporá un irreparable dano á biodiversidade e á riqueza da Ría de Muros-Noia, un dos bancos marisqueiros máis importantes do mundo. Tamén porá en risco non só o futuro da xente do mar, senón tamén sectores estratéxicos para a economía local como o comercio e a hostalería destas comarcas.
Os máis de 3.000 participantes na manifestación celebrada en Noia xa amosaron unidade de cara o seu firme propósito de continuar nas súas reivindicacións tanto por medio dos recursos presentados ante a Xustiza como coas mobilizacións nas rúas, ao tempo que continúan a sumarse apoios á plataforma a través da web da Confradía de Noia: https://www.cofradianoia.es/es/
A Plataforma porá a disposición de todos os interesados autobuses para facilitarlles o desprazamento ata Santiago xunto as súas familias. Nos próximos días informarase tanto do recorrido como do horario polo que discorrerá nas distintas localidades da ría de Muros e Noia.
Dende a Plataforma se fai unha chamada a todos os sectores de Galicia a unirse a estas reivindicacións e a participar na manifestación do día 29 en Santiago co fin de poñer freo a esta resolución inxustificada da Xunta e pedir xustiza e un futuro para a xente e a economía da comarca de Muros e Noia.




