O Concello de Boiro presenta para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno o orzamento do ano 2023 e tamén un pago de facturas mediante a liquidación do ano 2022. O orzamento que se presenta ascende a un total de 15.661.283 euros e contempla o aumento de gastos con respecto ao último
orzamento e tamén inversións demandadas pola veciñanza.
A cifra final deste orzamento para o exercicio 2023 ascende aos 15.661.283 euros nivelado en ingresos e gastos, o que supón un aumento do 7,29% con respecto ao último orzamento aprobado, un total de 1.141.283 euros máis. “Este orzamento atende ás necesidades actuais do Concello e vainos permitir facer fronte á subida salarial do persoal municipal e á inflación dos prezos que está nun 14% por enriba ao actual presuposto”, afirmou o concelleiro de Facenda, Luís Ruíz.
A totalidade do orzamento contempla o aumento do gasto corrente que, como explicou o concelleiro de facenda, é más elevado debido á inflación: “No ano 2022 gastouse o dobre en enerxía eléctrica do que había orzamentado, o mesmo que pasa co combustible, polo que hai que adaptar o presuposto ao
gasto actual”. O mesmo acontece coa partida destinada ao pago de nóminas dos traballadores públicos e que, coas ultimas subidas salariais, aumentan os gastos en 300.000 euros con respecto aos aprobados no último orzamento.
O presuposto para o 2023 vai permitir aprobar as subvencións nominativas a entidades deportivas, culturais e sociais, que manteñen as cifras concedidas no último ano, e inclúe tamén unha subvención nominativa de 125.000 euros para o acondicionamento das instalacións do Club Náutico de Barraña. En canto ás principais actuacións que se contemplan no capitulo de inversión deste orzamento está o proxecto de urbanización en Comoxo, que ascende a 320.000 euros.
Por outra parte proponse para a súa aprobación no Pleno unha partida para o pago das facturas pendentes do ano 2022 e que se vai realizar mediante a liquidación do ano 2022. “Esta liquidación, que ascende aos 3.700.000 euros, é o reflexo do aforro da anualidade económica do ano 2022 e que, co pago destas facturas pendentes quedaría aínda un excedente de 1.600.000 euros para destinar a outras actuacións”, afirmou Luís Ruiz.
Na súa intervención o alcalde, José Ramón Romero, fixo alusión ás dificultades económicas que marcaron esta lexislatura: “Por un lado a pandemia sanitaria que paralizou o mundo e un escenario de guerra do que estamos aínda a sufrir as consecuencias económicas e que, aínda así nos permitiu levar a cabo inversións en todo o Concello e reducir a débeda”.
“Cando chegamos ao goberno no ano 2019 tivemos que pedir un crédito para o pago de facturas pendentes, coa aprobación deste orzamento e do pago de facturas mediante a liquidación de 2022 remataría a lexislatura coas contas saneadas”, afirmou o alcalde. O balance económico destes catro anos da un resultado final dunha redución da débeda en 1.500.000 euros, que pasa do 5.500.000 euros a unha cifra de 4.097.965 euros nestes catro anos.




