A obra de teatro Continente María representarase este sábado, 25 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Coliseo Noela de Noia e as entradas xa están dispoñíbeis en continentemaria.gal.
Continente María é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Melania Cruz, candidata a Mellor Actriz Protagonista aos galardóns que levan o nome da nosa actriz máis universal, transita unha infinidade de rexistros, acentos e situacións como se fosen a súa propia casa, a súa propia pel, para interpretar a Casares.
Pola súa parte, a música de Vadim Yukhnevich, tamén finalista a Mellor Espazo Sonoro, crea un ambiente no que a emoción e o dinamismo conviven coa reflexión sobre o amor, a guerra ou a identidade.
O espectáculo suma outras tres candidaturas máis nos Premios María Casares 2023: mellor dirección (Tito Asorey) mellor iluminación (Laura Iturralde) e mellor texto orixinal (Marianella Morena).

Continente María en América
Neste 2023 o espectáculo cruzará as fronteiras do continente físico para viaxar a Colombia. Galicia e as súas artes escénicas son as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que se celebra do 21 ao 28 de outubro.
Continente María, de Ainé e A Quinta do Cuadrante, é un dos cinco espectáculos galegos seleccionados pola organización do certame para o cartel da nova edición.
Ademais, o espectáculo sobre María Casares tamén se representará no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, en Medellín.
A Xunta de Galicia, a través da AGADIC, colabora co Festival de Manizales, a mostra de teatro más antiga das que se celebran en Iberoamérica, para coordinar e apoiar economicamente a representación artística galega.



