A Concellería de Educación do Concello de Boiro está a impulsar obradoiros de emocións nos centros de ensino. A actividade enmárcase no proxecto En(clave) de educación, igualdade e saúde para traballar en rede coa comunidade educativa que se leva a cabo a súa segunda edición neste curso 2022-2023.

Neste momento desenvólvese nos centros de ensino o obradoiro de emocións no que se traballa a educación emocional e resolución de conflitos a través do teatro. Uns obradoiros nos que participan os nenos e nenas dos centros de Primaria e nos que se traballa a corresponsabilidade, a coeducación, a prevención da violencia e o control emocional.
O proxecto En(clave) naceu no curso 2021-2022 para “dar resposta ás demandas dos centros de ensino de traballar sobre accións relacionadas coa promoción social da igualdade de xénero, a resolución de conflitos e a saúde mental”.
Todas estas cuestións, explica o Concello de Boiro acerca dos obxectivos do proxecto, víronse agudizadas debido á crise sanitaria da COVID, polo que o obxectivo principal deste programa é impulsar un cambio de valores, roles e estereotipos.
O programa engloba tres grandes áreas de traballo que son, por unha banda, a Igualdade, a sensibilización social e a visibilidade; pola outra a Educación e prevención (para analizar as necesidades de atención da nenez e a mocidade e evitar a exclusión); e por úlitmo a Saúde e benestar (para mellorar os hábitos de saúde e benestar e favorecer actividades e espazos de encontro fora do ámbito educativo).
O programa deste ano inclúe, ademais dos obradoiros de emocións, obradoiros de prevención de acoso escolar e tamén de sexualidade e xénero destinados aos IES; obradoiros de xestión de residuos ambientais; de saúde mental infanto-xuvenil; de hixiene bucodental; de avaliación visual con optométrica e alimentación e hábitos saudábeis.
A edición do presente curso inclúe tamén un programa de apoio específico ás ANPAS na comunidade educativa para realizar obradoiros e actividades específicas en funcións das necesidades detectadas. “Dende o departamento de educación realizamos un seguimento periódico do programa para seguir mellorando e, de cara a próximos anos, ir adaptando as actividades ás necesidades reais dos nosos rapaces e rapazas”, afirmou a concelleira de Educación, María Outeiral.



