O Concello de Dodro vai realizar, coa axuda das veciñas e veciños, unha actividade de pintura mural sobre os paneis das caixas de correo que se atopan en desuso nos núcleos do termo municipal e que, por este abandono e pola muda de hábitos en relación á comunicación, afean as aldeas co seu proceso de deterioro e esquecemento. A actividade de dinamización cidadá e participación creativa comezará en Manselle e desenvolverase entre o 24 de marzo e o 15 de abril. Máis información (e inscricións) no teléfono 981 802 472.

O obxectivo do programa, amais do devandito, é realizar un labor conxunto de recuperación e restauración dos paneis, seguido dunha intervención artística e pictórica sobre os mesmos, inspirada nunha pescuda sobre a vida veciñal “que sexa unha homenaxe á historia das aldeas e as súas xentes”, informou o Concello, poñendo o foco na importancia de poñer en valor estes obxectos comunitarios “cargados de simbolismo, atravesados polo tempo e testemuñas dun pasado común, dunha rede de mensaxes e historias persoas entrelazadas que configuran, tamén, a historia do concello”.




