Esta semana puidemos coñecer importantes novidades relativas ao proxecto para rehabilitar o Pazo do Martelo, en pleno núcleo urbano de Rianxo (edificio declarado BIC e hoxe en día sede da Biblioteca Municipal). En concreto, o proxecto, que terá un custe de dous millóns de euros (dos cales practicamente a metade virán da man do Goberno, con fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos, o PIREP), recibiu a aprobación definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio (Xunta). As obras porán o foco en solucionar importantes problemas de illamento, conservación e accesibilidade. Segundo informou recentemente o Concello, o inmóbel está moi afectado polas humidades, derivadas en parte das eivas da cuberta e do deterioro da fachada.

Respecto á contía restante do orzamento, o Concello xa encargou a redacción do informe para a contratación dun crédito bancario por importe dun millón de euros cos que cubrir o custe total das obras a realizar.
Como dixemos, o Pazo do Martelo é hoxe en día sede da Biblioteca Municipal de Rianxo. Foi propiedade na súa feitura orixinal, na Idade Media, do almirante galego Paio Gómez de Soutomaior, coñecido como Paio Gómez Chariño (1225-1295). O inmóbel foi mercado polo Concello en 1973 e rehabilitado en 1983 polos arquitectos Rafael Baltar Tojo, José Bartolomé Argüelles e Carlos Almuiña Díaz, co obxectivo de convertelo en seda da Biblioteca Municipal.
A día de hoxe, a histórica construción presenta importantes filtracións de auga que provocaron relevantes deterioros no interior e máis no exterior. Ademais, as fachadas precisan un fondo traballo de restauración, xa que teñen problemas de desgaste provocados polo paso do tempo, pola humidade, polas inclemencias climáticas e pola substitución dos materiais tradicionais que complementaban e daban estrutura ás pedras. Outro punto crítico é a cuberta, que deixa pasar a auga da chuvia. O Concello tamén quere poñer o foco na accesibilidade, convertendo o edificio nun inmóbel libre de barreiras.
O Goberno local encargou o proxecto de rehabilitación á arquitecta Sandra González Álvarez, que estivo apoiada no seu traballo por Esmeralda Vázquez Prieto e máis polo arquitecto que dirixe la Oficina de Rehabilitación de Rianxo, Carlos Henrique Fernández Coto.



