Rianxo achega á cidadanía catro accións formativas sobre artesanía, canto, teatro e poesía

10 Marzo 2023

O Concello de Rianxo vai organizar catro aulas formativas esta tempada a disposición da cidadanía: unha de Artesanías Creativas, baixo o epígrafe Crear coas mans; unha Aula de Teatro, co lema A Interpretación; unha Aula de Canto; e máis Unha Aula de Poesía, centrada na Introdución á Lectura e á Escritura Poética. Todas as actividades teñen aberto o prazo de inscrición. Desenvolveranse de marzo a xuño.

Aula de Artesanías Creativas

Trátase dun programa de formación sociocultural e ocio educativo cuxo obxectivo é dar forma a un espazo de lecer activo para “socializar, fomentar a imaxinación, mellorar a concentración e a psicomotricidade, aumentar a autoestima e concienciar sobre problemas ambientais e de xénero”, segundo informou o Concello, que, nun nivel máis concreto, sinala que na aula abordarase un amplo abano de xéneros e formatos: cestería, encadernación, origami, olería, papel artesanal, reciclaxe, colaxe, bixutería, etc. Deste xeito, sinalan fontes do Consistorio, “haberá unha proposta inicial de pezas a elaborar pero, dentro do posíbel, irémola adaptando ás destrezas e intereses das persoas asistentes”.

A actividade está destinada a persoas maiores de 14 anos e será impartida por Electra Menéndez. Terá as seguintes datas: mércores 22 e 29 de marzo; 12, 19 e 26 de abril; 3, 10, 24 e 31 de maio; 7, 14, 21, 28 de xuño. As sesións levaranse a cabo en horario de 16:00 a 18:00 no Pazo de Rianxiño (aula de plástica). Haberá un máximo de 10 participantes.

O prazo de matrícula remata este 16 de marzo ás 14:00, no formulario creado ao efecto na web do Concello.

A Aula de Artesanías Creativas complementarase con tres actividades análogas, tamén impulsadas dende o Concello: A Aula de Teatro (A Interpretación), a Aula de Canto e a Aula de Poesía (Introdución á Lectura e á Escritura Poética).

Aula de Teatro

A Aula de Teatro (A Interpretación) será impartida por Amantia Coello Rodríguez. O número de participantes será de 15 como máximo, maiores de 18 anos. O obxectivo é adentrar ás persoas participantes na interpretación dramática a través da formación actoral e da creación de personaxes, empregando unha metodoloxía que achegue conceptos teórico-prácticos dende un enfoque eminentemente práctico e proactivo. “Traballaremos a expresión e control corporal, o expresión vocal, a respiración, amais de aspectos como a atención, a memoria, a concentración, a creatividade, a autoestima, a conciencia propia, o contacto social e pertenza a un grupo, a igualdade, as habilidades sociais, a motivación ou o empoderamento”, explican dende a organización da Aula.

Días: mércores 22 e 29 de marzo; 5, 12, 19 e 26 de abril; 3, 10, 24 e 31 de maio; 7, 14, 21 e 28 de xuño.

Horario e lugar: de 18:00 a 20:00, no Liceo (baixo).

Participantes: máximo 15 participantes.

Prazo de matrícula: ata ao 16/03/2023 ás 14:00, no formulario creado ao efecto na web do Concello.​

Aula de Poesía

A Aula de Poesía, dende a palabra poética a aula tentará achegar as persoas participantes á expresión e escoita activa, tamén como canle de autocoñecemento, interacción e socialización. Afondarase no eixo do poema desde a lectura, a análise, a reflexión, o pensamento crítico e a práctica do xénero. “Tentaremos expoñer os alicerces fundamentais que erguen a escrita poética, procurando inventariar as ferramentas literarias que posuímos para crear, descubrir as voces das aprendices e desenvolvelas”, explican dende o a organización, engadindo que o curso vai destinado a persoas maiores de 15 anos e que será impartido por Noelia Gómez Calvo.

Días: Sábados 25 de marzo; 1, 8, 15, 22 e 29 de abril; 6, 13, 20 e 27 de maio; 3, 10, 17; e 1 de xullo.

Horario e lugar: De 10:00 a 12:00 no Centro Sociocultural-Auditorio (primeiro andar).

Participantes: Máximo 20 participantes.

Prazo de matrícula: ata ao 16/03/2023 ás 14:00, no formulario creado ao efecto na web do Concello.

Aula de Canto

A Aula de Canto vai destinada a fomentar o convivio musical entre os participantes, creando un espazo de participación cultural e traballo en equipo, tentando mostrar aspectos básicos sobre a voz e a música, que incidan nun mellor autocoñecemento e goce do propio instrumento, así como desenvolver a escoita activa e a interpretación musical en grupo.

Persoas destinatarias: maiores de 50 anos.

Docente: Esperanza Mara Filgueira Rama.

Días: Luns 3, 10, 17 e 24 de abril; 8, 15, 22 e 29 de maio; 5, 12, 19 e 26 de xuño. Venres 19 de maio e 9 de xuño.

Horario e lugar: De 16:30 a 18:30 no Liceo (baixo).

Persoas participantes: Máximo 20 participantes.

Prazo de matrícula: ata ao 16/03/2023 ás 14:00, no formulario creado ao efecto na web do Concello.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.