M.A.- O receptor Aarón Vidal, integrante do Boiro Voleibol, foi convocado pola selección española U17 para tomar parte no Preeuropeo que se celebrará en abril en Bibinje (Croacia). O xogador, de 15 anos e 1,85 metros de estatura, foi un habitual esta tempada nos partidos do primeiro equipo do Rotogal Boiro Voleibol.
Aarón Vidal incorporarase á concentración da selección española U17 o luns 3 de abril en Cheste
Valencia). O xogador do Boiro Voleibol forma parte da lista de 16 compoñentes da que, máis tarde, o seleccionador Fredinson Mosquera realizará dous descartes. O combinado nacional reunirase de novo o domingo 16 de abril en Sant Boi de Llobregat para realizar as últimas sesións de preparación. Despois viaxará a Austria para disputar un bilateral amigábel e, o día 20, desprazarase a Croacia para competir no Preeuropeo. O Campionato de Europa de categoría U17 celebrarase no mes de xullo en Montenegro.




