A Pobra reivindica a importancia de avanzar cara a igualdade no Día Internacional da Muller

08 Marzo 2023

Xornada de celebración e reivindicación. A Pobra do Caramiñal conmemorou o 8 de marzo cunha
batucada feminista que comezou pasadas as 19.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán. Axé Bahía Batucada marcou o ritmo da marcha polas rúas do núcleo urbano ata concluír na casa consistorial, lugar no que a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), deu lectura ao manifesto promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Tal e como se recolle na declaración institucional, “foron moitos os avances conseguidos, pero persisten as desigualdades, a discriminación e a violencia cara ás mulleres polo feito de séreno, e ante este feito non hai espazo para as equidistancias e non se entende sermos neutrais.” A isto engádese que “as violencias de xénero constitúen a cara máis escura da desigualdade. Dende o ámbito local debemos seguir co compromiso de construírmos unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de tódalas persoas, así como a participación activa na vida local.”
A programación impulsada pola Administración local con motivo do Día Internacional da Muller baixo o lema “Avanzando cara á igualdade!” esténdese a todo o mes de marzo. No día 10 porase o foco nas mulleres directivas de empresas vencelladas co mar a través dunha mesa coloquio na que participarán a directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, e a directora das relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo. Transcorrerá no Auditorio do Museo Valle-Inclán, a partir das 19.30 horas, e contará coa xornalista Aida Pena como moderadora.
Na xornada do 17, en horario de mañá, estudantado do IES pobrense emprenderá unha andaina ó abeiro do proxecto Mulleres fronte á emerxencia climática, que analiza a relación entre o xénero e o cambio
climático, en busca de alternativas para construír sociedades máis xustas e igualitarias.

A dita proposta estará aberta ao público xeral no día 19, co CEP Salustiano Rey Eiras como punto de encontro, ás 12.00 horas.
Os centros educativos da infantil iniciaron xa o Contacontos pola igualdade, que se desenvolve nos venres deste mes. As sesións consisten na lectura do relato O meniño Nito: Entón, os homes choran ou non? e un obradoiro que pretende que as crianzas reflexionen sobre os estereotipos
de xénero a través de contidos adaptados ó seu rango de idade. Tamén o alumnado da primaria esta inmerso ao longo de todo marzo na actividade Avanzando cara á igualdade para reflexionar e tomar conciencia sobre o papel das mulleres na sociedade.
E ata o 30 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de microrrelatos á segunda edición do concurso literario Igualdade, conta comigo!, que repartirá 600 euros en premios. O certame está dirixido á
poboación adolescente e adulta para impulsar un exercicio de reflexión, sensibilización e difusión.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.