O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación a construción dun novo parque infantil na parroquia de Artes: unha actuación cuxo prezo de licitación é de 114.838,37€, IVE incluído. O obxectivo concreto deste proxecto é dotar á parroquia de Artes dun novo espazo de lecer para a rapazada, que se situará nunha parcela municipal situada en fronte do colexio e do Centro Recreativo.
O Concello explica que en primeiro lugar “será preciso rozar a superficie e nivelar o terreo, construíndo un muro de contención de pedra, de 2,5 m de altura no seu punto máis álxido e de anchura variábel”.
Nesta explanada resultante instalarase o parque infantil que estará composto por un equipo combinado, un balancín, un bambán (columpio) e 3 resortes (muelles) e irá delimitado perimetralmente por unha varanda de 90 cm de altura. O pavimento desta zona será de caucho continuo.

Polo lateral da parcela deixarase un acceso á zona axardinada da parte inferior, de 3 metros de ancho e pavimentada con formigón en cor. A fronte da parcela destinarase a aparcamento de vehículos e terá un firme de mestura bituminosa en quente. Esta área estará delimitada por unha beirarrúa de formigón, de cor similar ao do acceso lateral. En canto a iluminación pública, instalaranse 2 proxectores LED sobre columnas galvanizadas.
O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2022. O prazo de execución son dous meses.
As empresas interesadas dispoñen ata o 3 de abril á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).



