
Talvez fora esta a pregunta esencial antes de que o Goberno dera o paso avante que deu esta semana -martes, Consello de Ministros- de decidido apoio a unha formulación que o sector dos eólicos mariños fixo súa exclusivamente, sen contar para nada cos teóricos (que non son tal) prexudicados: os mariñeiros e as súas familias. Porque a realidade non ten máis que un nome: o Goberno no manda; e se manda, non entende. Priman, sobre todo, os intereses económicos das empresas que un día o Executivo que preside Pedro Sánchez dixo que deberían tributar na medida do seus beneficios. Non o fan (a día de hoxe), mais nos seus proxectos para a Comunidade Autónoma de Galicia, os aeroxeradores que van trasladar á costa a enerxía eléctrica que vai producir o vento van fincarse xusto alí onde están os millores caladoiros ou praias: “A Selva” e “Praia Nova”, entre outros.
A secretaria xeral de Pesca, María Isabel Artime García, ven de visitar algunhas representacións da Galicia mariñeira. Non se comprometeu a nada -coa excepción de confirmar que haberá axudas ás mulleres do mar, que xa non é pouco-. Pero no que atinxe á eólica mariña todo foi fume: falará co ministro desta problemática.
Con que ministro, co de pesca?. Está máis calado ca un peto. Igual ca ministra de Traballo: Yolanda Díaz semella non estar preocupada polo futuro inmediato de 30.000 traballadores do mar dos que moitos poden perder os seus postos de traballo. Tampouco se percibe preocupación na vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Economía (ao igual que Yolanda Diaz, galega) porque o sector pesqueiro galego pode reducir tremendamente o capital que xera: 9-000 millóns de euros, o que ven ser un 4,8% do PIB desta comunidade. Tamén cala (consinte, logo) o minisgro de Agracultutra, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
Máis para Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, a eólica mariña significa unha “magnífica oportunidade para os xoves galegos” (por esto non debe haber remuda no mar) e nega que faltara diálogo cos pescadores e a Xunta sobre o asunto da eólica mariña, mentres que o presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez, dicía a este xornal o sábado pola noite, que “boto de menos ao ministro de Pesca” e o sector pesqueiro insiste en que se debe retirar o POEM (Plans de Ordenamento do Espazo Marítimo) polo menos ata que non se coñeza o seu impacto.
Se existen dúbidas sobre os efectos da eólica mariña no peixe e marisco, por que non está a pesca entre os usos prioritarios da plataforma na que se van ancorar os “muiños”, por que non se aplica o principio de precaución na zona noratlántica?. Por que aparece a eólica e non a pesca cando se “reparte” ou “`parcela” o mar e nunca se fala de que exista dúbidas sobre a seguridade da eólica e esquecen, dígoo unha outra vez, os usos prioritarios? Acaso imos xantar megavatios, dado que temos unha fonte de enerxía eólica magnífica enriba dos mellores caladoiros?.
Ao millor pensan que a pescada, o xurelo, a sardiña, a xarda, o bocarte.o polbo, a centola van permanecer onda sempre cando o fondo mariño comece a tremer polas vibracións e ruidos dos aeroxeradores.
Ao millor oia vostede, señora ministra.



