A Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) fixo balance do acadado a través do programa itinerante Coidados Porta a Porta, a través do cal levou atención sociosanitaria gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a máis de 35.000 persoas maiores de toda Galicia durante o último ano. Estes e outros datos foron achegados pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que na mañá deste luns 27 de febreiro visitou en Ribeira a unidade móbil desta iniciativa, que desde o pasado xoves e ata mañá martes atende aos veciños deste municipio. O programa pasou na súa anterior edición pola totalidade dos concellos da nosa comarca.

Esta é a segunda parada en Ribeira do Coidados Porta a Porta, despois que na primeira atendera a 50 maiores. A conselleira, que estivo acompañada do alcalde, Manuel Ruiz, adiantou que este servizo regresará o vindeiro mes de setembro á cidade para seguir atendendo aos veciños que o necesiten.
O horario de atención deste servizo é de nove da mañá a oito da tarde e as persoas usuarias soamente teñen que pedir cita previa nalgún dos teléfonos habilitados —622 748 283 ou 623 546 922—, ou ben no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xuntal.gal.

Fabiola García destacou “o fortalecemento dos servizos sociais en toda a Comunidade e tamén no Barbanza”. Salientou tamén o fortalecemento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en todos os concellos, o que se traduce, dixo, “en que 27.000 galegos reciben coidados nos seus fogares”.
Ademais, referiuse ao fomento das aulas do maior, como a que a Xunta impulsou en Ribeira, así como á construción e renovación de infraestruturas, como é o caso da futura residencia pública do Barbanza (que se emprazará en Ribeira e estará adaptada ao novo modelo de coidados) ou a reforma completa da residencia da Xunta na Pobra do Caramiñal.
Así mesmo, puxo o foco na mellora dos servizos de atención á infancia e de apoio ás familias. Ao respecto, referiuse á creación do Punto de Encontro Familiar (PEF) no Barbanza, así como á implantación da gratuidade en todas as escolas infantís para o 100% do alumnado, cun investimento de 55 millóns de euros de fondos propios da Xunta.




