
“Ecoloxistas en Acción” considera que tendo en conta os datos aportados no documento débese anular a autorización de vertedura concedida no expediente Clave DH.V15.54967 polos prexuizos que esta actuación pode causar ao val fluvial afectado, á conectividade ecolóxica, á Rede Natura 2000 e á necesaria coherencia desta, solicitando a suspensión inmediata da eficacia da Resolución de autorización de vertedura á cunca da ría de Muros e Noia.
A organización recorda que autorización de vertedura autorizada pola Xunta realízase sen ter en conta a existencia de catro balsas mineiras e varias entulleiras sen restaurar. Dúas delas atópanse na zona de policía do Rego de Rabaceiras, en pleno val fluvial e a máis perigosa -pola altura do dique mineiro, o material acumulado e o seu importante grao de deterioro- ubícase no leito do propio río onde se prevé derivar as verteduras.
Para Verónica Crecente, da Área de Minería da Asociación Ecoloxistas en Acción Galiza “resulta canto menos controvertido que se minimice o contexto hidrolóxico no que se concede a autorización de vertedura” pois antes de chegar a esta posibilidade “deberase acometer e facer cumprir o plan de restauración mineira, proceder á drenaxe das balsas e eliminalas completamente deste val dada a previsión dun impacto crítico e severo sobre a rede fluvial que se estende ao LIC Esteiro do Tambre na ría de Muros e Noia. Ademáis é necesario ter en conta que a área afectada atópase nunha zona protexida de auga potable e sobre masas de auga soterradas que se solapan coa Rede Natura 2000”.
Por outra banda baixo o lema “Defende a ría. Defende a vida” Ecoloxistas en Acción Galiza chama a mobilización cidadá, o próximo sábado día 4 de marzo en Noia, xunto a outros moitos colectivos sociais na defensa do estilo de vida e das actividades tradicionais vinculadas ao mundo do mar do que na bisbarra dependen de maneira directa ou indirecta centos de familias.



