A Confraría de Pescadores de Noia entrega á Xunta un novo informe quen pon de manifesto “as eivas da planta de tratamento de San Finx”

24 Febreiro 2023

Ante as declaracións emitidas pola Xunta esta semana, nas que o Goberno galego certificaba a ausencia de risco ambiental dos vertidos previstos dende a mina de San Finx (Lousame), a Confraría de Pescadores de Noia, unha das entidades que máis está a mostrar a súa preocupación polas consecuencias que poderían ter os vertidos autorizados para o marisqueo e a pesca local, entregou este venres 24 de febreiro á Xunta un novo informe técnico sobre o proxecto de baleirado no que, explica a Confraría, póñense de manifesto as carencias da planta de tratamento da mina.

O informe, indican, estaría elaborado polo recoñecido experto internacional Steven H. Emerman, a raíz da autorización outorgada polo Goberno autonómico a principios de febreiro. Doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Emerman é segundo explican fontes do pósito noiés un dos máis prestixiosos hidrólogos especialistas en residuos mineiros e xa elaborara, a petición da Confraría, o informe inicial sobre o proxecto de vertido.

O informe remitido á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reflicte “o absoluto fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobra disparados, moi por encima dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos”.

O pósito lembra que o informe alerta ademais das deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes na mina e conclúe que “o proxecto non presenta os rangos das concentracións esperadas de contaminantes”.

A Confraría de Noia fai un chamamento “á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para que paralice a executividade da autorización”, medida que foi solicitada polo pósito como iniciativa cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización. “Agora”, explican, “é a conselleira a que debe resolver o recurso e solicitude de medidas cautelares, aínda que tanto a nosa entidade coma outras entidades e o propio Concello de Noia xa anunciaron que levarán a Xunta aos tribunais se non se recoñecede a ilegalidade da autorización”.

Desde o pósito noiés destacan ademais que “o xeito de actuar da Administración neste caso é absurdo, pois onte mesmo o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, recoñeceu no Parlamento que non é posíbel explotar a mina sen tramitar antes un novo proxecto mineiro que debe someterse a avaliación de impacto ambiental”.

“Como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar?”, pregúntase o patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz, engadindo que “o lóxico será, en todo caso, que a autorización de vertidos se concedese só despois de que existise un proxecto mineiro con declaración de impacto ambiental favorábel, o que hoxe por hoxe non existe”.

A confraría confía en que a resolución de vertido sexa anulada antes ou despois e alerta que intensificarán tanto as mobilizacións na rúa como as accións xudiciais, “por unha situación que pon en risco millares de postos de emprego na comarca”.

E conclúen: “O vertido das augas que a empresa australiana pretende bombear desde as plantas inundadas da mina poderá causar un enorme dano ambiental e prexuízo económico ao sector do mar, pois a ría de Muros e Noia está tan só sete quilómetros por debaixo da mina”.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.