
Os Bombeiros de Ribeira apagaron as lapas e selaron con escuma a embarcación, que foi o único elemento afectado e que xa foi danada noutras ocasións.
Dez minutos antes das 21 horas, diversos particulares informaron ao 112 Galicia de que ardía un barco en terra, localizado nun antigo estaleiro do peirao da parroquia de Noal (Porto do Son). Por fortuna, ninguén resultou afectado no incendio. Sen embargo, nas proximidades do barco afectado había un surtidor de combustible e varias embarcacións máis.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ribeira e de Boiro, do GES de Noia e da Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Porto do Son.
Os membros de Protección Civil desprazaron un camión forestal, namentres que os Bombeiros de Ribeira actuaron con celeridade para extinguir o incendio, que a pesar da súa visible aparatosidade só afectou ao interior do barco no que se orixinara. Pola súa banda, o casco mantívose intacto, e a calor tamén danou unha embarcación próxima, se ben é certo que non resultou directamente alcanzada polas chamas.
A continuación, os servizos de extinción encargáronse de selar o barco con escuma.
Ademais, o 112 Galicia recibiu esta mañá, ao fío das 8:30 horas, un aviso por mor dunha lancha que apareceu varada na zona da praia do Rial, en Ribeira.
Foi un particular quen informou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, desde onde se procedeu a alertar aos axentes da Policía Nacional e Local, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.



