
O Concello de Outes organiza a semana vindeira unha actividade creativa e participativa para combater desigualdades, poñendo o foco nas familias e nas nenas e nenos. Trátase dun obradoiro de papaventos (Voando pola igualdade) dirixido a menores de idades comprendidas entre os 3 anos (escolarizadas) e os 14. Poderán participar acompañadas e acompañados polas súas familias. Celebrarase o luns 20 de febreiro en horario de mañá: das 10.30 ás 12.30 horas, no andar baixo do Centro Social de Outes. O prazo de inscrición remata este venres 17 ás 12.00 horas. As prazas serán limitadas. A exhibición de papaventos resultante do obradoiro colectivo celebrarase no mes de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller. Trátase dunha actividade organizada polo Concello e o CIM (Centro de Información á Muller) de Outes ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.



