M.A.- O Rotogal Boiro Voleibol recibe pasadomañá (sábado 18 de febreiro ás 19.00 horas) ao Guaguas, líder da Superliga. O conxunto canario aínda non perdeu ningún partido na competición e o técnico Emilio Palacio explica que “o noso obxectivo, contra un rival tan superior, é gozar do partido, competir e tratalos de ti a ti en cada xogada”.
En principio, o Rotogal Boiro Voleibol contará con todos os seus efectivos para afrontar o último partido antes do parón ligueiro pola Copa. Sobre o Guaguas, Emilio Palacio explica que “é moi sólido xogando e, para min, é o gran favorito para gañar a Superliga”.
A traxectoria inmaculada do Guaguas, que selou todos os seus partidos con vitorias, non pasou desapercibida para o técnico do Rotogal Boiro Voleibol. “Gañar todo é moi difícil, pero non é unha sorpresa, porque teñen o mellor persoal da liga e a máis ampla”, indica.




