A Asociación de Empresarios de Ribeira, seguindo a súa liña de traballo dirixida a impulsar económica e socialmente a cidade e o concello ribeirense, presentou novas accións para o ano que vén de comezar. Entre estas actividades atópase a nova edición da Feira Gastromar, cuxa convocatoria de 2022 foi un éxito total de participación, implicación e repercusión.

Estes días reuníronse na sede da patronal os organizadores e participantes en Gastromar I, para dar os pasos que “nos leven á celebración da segunda edición e, se é posíbel, mellorar a convocatoria anterior, da que quedamos moi satisfeitos dos logros alcanzados”, sinalou o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude.
En concreto, mantivéronse xuntanzas coas confrarías de Aguiño e Ribeira, cos produtores de mexillón (OPMEGA) e cos representantes do Concello de Ribeira. Os responsábeis destas entidades manifestaron a súa disposición para participar nesta segunda edición, á que se suman, co seu importante apoio, a Cooperativa de Armadores de Ribeira. “Dende aquí”, dixo o presidente da patronal, “queremos aproveitar para convidar a calquera outra entidade interesada en participar no devandito evento, na seguridade de que serán acollidas coas mans abertas”. E engadiu: “Esperamos levar a bo porto este evento para celebrar unha feira que poña no sitio que se merece á nosa cidade, como unha cidade viva, con presente e sobre todo con futuro”.



